Os Malvar Vidal

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

20 oct 2017 . Actualizado a las 05:10 h.

Estes días, preparando outro traballo, batinme co teatro de variedades dos anos 20 do século pasado, e cun curioso dúo (cito literal) «hispano-arxentino-enxebre» chamado Os Malvar. Integrábano Ricardo Vidal Vázquez, de Pontevedra, que emigrou á Arxentina e volveu como profesional do espectáculo, e a cantante arxentina Obdulia Rodríguez.

Obdulia sería a primeira actriz profesional de Galicia. A parella combinaba tonadillas e cuplés (o toque hispano), melodías americanas (o arxentino) e o prato forte, os «duetos enxebres», nos que se vestían co traxe do país e interpretaban pezas coma o seu famosísimo éxito Ei, boi, ei (sigo citando literal).

Estes dous simpáticos emprendedores acabaron por montar tamén a primeira compañía teatral profesional galega, os Malvar Vidal. Non hai xornal galego no que non se atopen referencias ás súas actuacións ao longo das décadas de 1920 e 1930, en teatros e cafés cantantes de todo o país.

Ata aquí ben. O sorprendente é que os Malvar Vidal foron uns asiduos do Barbanza. Grazas ao dietario de Carmelo Martínez, recuperado polo meu pai Manuel Gago, sabemos que os Malvar tiñan grandes fans na Pobra do Caramiñal. Actuaron na vila, cando menos, en novembro de 1920, en xaneiro e xullo de 1921 e en abril de 1926, testemuñando como aquel Barbanza industrioso e comercial estaba no medio do circuíto das artes escénicas da Galicia da Belle Époque.

Se cadra algo deste vello pouso explique o agarimo e éxito que o teatro segue a ter nos nosos concellos.