Un músico de cordas vocais prodixiosas

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Jazz, «bossa nova» e percusión son os puntais dunha traxectoria que se completa agora co «beatboxing»

24 sep 2017 . Actualizado a las 05:15 h.

Por longa, consolidada e chea de éxitos que sexa a traxectoria dun profesional nunca está demais experimentar, abrir novos camiños na procura de experiencias descoñecidas. Iso é o que leva facendo desde hai tempo Narci Rodríguez, un músico noiés cun abano tan amplo de estilos que vai desde os sonoros ritmos brasileiros ata os melódicos compases do jazz e da bossa nova, iso si, concedéndolle sempre todo o protagonismo á súa prodixiosa voz. O último eido no que decidiu mergullarse é o do beatboxing. É, de feito, unha especie de home orquestra, pero sen instrumentos.

Pouco ten que ver o que fai agora Narci Rodríguez cos seus comezos, formándose en solfexo e piano no conservatorio de Santiago e participando despois en grupos que se movían entre o rock e o funky: «Aínda que xa daquela a música me chamaba e me encamiñaba a vida, por aquel entón non tiña un estilo definido». Foi unha viaxe a Lisboa, cando viña de superar a barreira dos 20 anos, a que marcou o primeiro punto de inflexión na vida do artista noiés: «A viaxe tiña como finalidade coñecer a cidade e alí entrei en contacto coa música brasileira e empecei a adorala».

Bebendo dos ritmos brasileiros

Tanto foi así que non dubidou en atravesar o charco para plantarse en Brasil, onde estivo tres anos: «Cando cheguei púxenme a estudar a percusión, o canto e a instrumentación local. Interesoume moitísimo a música de alí». Pero a morriña que sempre acompaña aos galegos levouno a regresar: «Botaba de menos ata o frío». Iso si, volvía coas ideas claras: «Cheguei coa intención de formarme en diferentes aspectos de jazz e de improvisación aos que non tiña acceso en Brasil».

E pode dicirse que aí empeza a carreira de Narci Rodríguez como cantante de jazz e de música moderna. Daquela, xa vía un futuro baseado na explotación das posibilidades das súas cordas vocais, pero resistíase a deixar aparcada a paixón que sentía pola percusión, así que compaxinou os dous eidos. Mentres se abría paso como solista, asumía a dirección artística de Trópico de Grelos, formación á que estivo vinculado máis dun lustro.

O noiés nunca foi quen de decantarse por un campo concreto: «Elixir é difícil, pero tamén innecesario. Sempre me gustou experimentar». Iso si, ten claro que a voz constitúe o seu instrumento por excelencia e por iso decidiu sacarlle o máximo partido posible, mergullándose de cheo no beatboxing. Explica que se trata dun estilo en auxe, que saíu do reduto da cultura urbana para entrar nas formacións xa consolidadas coma se dun músico máis se tratara, coa particularidade de que achega o son de varios instrumentos á vez.

Orquestra e adestrador de voz

Na súa traxectoria como beatboxer, Narci Rodríguez xa ten desenvolvido proxectos importantes. Destaca, pola orixinalidade, a xira na que formou parte do Beat Trío de Nastasia Zürcher: «Eu era coma unha miniorquestra». Asegura que non se cansa de comprobar as posibilidades que ten a voz. Tal é o seu nivel de coñecemento delas que ata desenvolve a faceta de mestre: «Adestro a cantantes que, por exemplo, van gravar un disco para mellorar certos aspectos da súa voz. É un campo no que se está avanzando moitísimo».

Pero o noiés non abandona os outros estilos. Está a preparar un disco co seu cuarteto, que pasará a engrosar unha lista da que xa forman parte un traballo como solista de bossa nova e dunha ducia máis nos que exerceu de colaborador. Dirixe en Noia Picoro, unha formación heteroxénea que fusiona ritmos brasileiros, swing e mesmo música tradicional galega; e en breve estrearase como mestre da escola musical boirense, onde desembarca co dobre propósito de crear un coro e unha agrupación de percusión. Asegura que seguir dedicándose á música é o seu soño a longo prazo e implicarse nas actividades culturais de Barbanza, o obxectivo inmediato.