As mulleres foron visibles

juan ordóñez buela DESDE FÓRA

BARBANZA

16 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Confeso que non lle dedico moita atención aos detalles da política internacional, pero decateime de que nas páxinas dos xornais aparecen cada vez máis mulleres. Algo significativo é que maioría están aí porque son válidas. Quero dicir que non saen por ningunha outra razón que non sexa política. É o caso da chanceler alemá Angela Merkel, que goberna ese país cunha naturalidade absoluta. Disto hai antecedentes, desde Margaret Thatcher ata Indira Gandhi. Dun tempo para acá, a nómina feminina de gobernantes ou líderes foi aumentando aos poucos, pero de forma decidida. Os casos máis recente e máis notables son os de Sarah Palin, en Estados Unidos, e Tzipi Livni, que gañou as eleccións dentro do seu partido despois de ser ministra de exteriores de Israel.

 

Teño que dicir que creo, sendo un ignorante, aos investigadores que din que o cerebro masculino e o feminino teñen características diferentes. É lóxico. Se non son iguais os sistemas endócrinos, musculares e óseos, por que deberían ser idénticos os sistemas cerebrais? Crer nas diferenzas non quere dicir crer nunha superioridade. Ata entre os moitos hai distintos matices de intelixencia, uns de orixe xenético e outros froito dunha aprendizaxe ou adestramento.

Eu tiven a sorte de coñecer mulleres moi intelixentes, no sentido global. E duns anos a esta parte, cada vez máis. E a explicación, penso, é que sempre houbo mulleres intelixentes, pero agora son máis visibles. A entrada no mundo do traballo de moitas mozas permitiunos descubrir unhas capacidades femininas que durante xeracións quedaran encubertas.

Está claro que aínda hai mulleres que desempeñan un papel máis ou menos decorativo na política. En parte é culpa dos homes, pero en parte é culpa das mulleres, non só das que aceptan o cargo, senón tamén das que propoñen. Aceptar como estratexia promocional é unha mala práctica que un día ou outro terá que rematar. Que mande quen máis vala.