A pesar da complexidade que entraña, a pobrense está namorada do seu traballo
31 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Cada pouco tempo aparece unha nova forma de gañarse a vida. O tradicional vai deixando paso ao novo, coma os influencers, os youtubers ou os booktubers. Coas novas tecnoloxías e os novos hábitos das persoas vanse perdendo e vanse abandonando pouco a pouco oficios de toda a vida. Pero hai algúns aos que non lles chegou aínda a hora de xubilarse, ben sexa pola demanda que seguen tendo ou pola imposibilidade de introducir elementos alleos ao ser humano para levalos a cabo. Genoveva Maneiro é das que prefiren continuar co tradicional. Mariscadora dende fai dez anos, di que «está namorada do seu traballo», a pesar de que pouca xente coñeza realmente todo o que leva consigo ese oficio.
Dende pequeniña ía coa súa avoa, tamén mariscadora, e xa se lle meteu o mar no corpo, aínda que non se dedicou a iso ata pasado un tempo. «Ofertaron prazas na confraría e decidinme», conta. Dende que empezou ata agora, o número de mariscadoras foi reducíndose cos anos. «Cando eu comecei había 152 mulleres inscritas na confraría, e este ano hai menos de 100, das cales traballan ao redor de 70», comenta Maneiro. Esta situación ten visos de permanecer, xa que «se convocaron prazas e ían entrar 15 novas, pero houbo xente que o rexeitou».
Non están sendo os mellores tempos para mariscar, pois hai moitas especies que están afectadas polo parasito marteilia. O berberecho morreu en toda a ría de Arousa por ese motivo, e a ameixa fina tamén está afectada. A isto súmaselle a acción dos furtivos. Para Maneiro, «non se fai o suficiente para detelos. Co novo protocolo críamos que as cousas ían a mellorar, pero non foi así. Ademais agora os furtivos son moi agresivos. Non pensan que hai xente que vive dese marisco que eles collen ilegalmente».
O seu traballo
As mariscadoras dependen de dous elementos que se escapan ao seu control: o mar e o tempo. Por iso non teñen unha xornada fixa e podería dicirse que cada día é unha nova aventura. «Temos que estar dúas horas antes da baixamar e botamos alí preto de catro, ou ata que recollemos a cantidade tope», explica Genoveva. Na época estival, o marisco abunda, e como hai máis horas de luz poden traballar máis que en inverno. Na época dos temporais é cando «máis duro se fai. Non é nada agradable, sobre todo cando hai vento e nos empurra e tira o que recollemos», apunta.
É un oficio moi antigo. As formas de recoller o marisco seguen permanecendo, pero con algunhas adaptacións que realizan elas mesmas: «Nós inventámonos cousas. Por exemplo, para que non se me afunda o capacho uso un salvavidas de plástico», engade a mariscadora.
Ao falar sobre o valor que se lle da ao seu traballo, afirma que «non está suficientemente recoñecido. Moita xente non sabe moi ben o que facemos. Por iso eu quero que nos coñezan, que coñezan o noso traballo e todo o que nos aporta». Non é a única que quere que se dea a coñecer o seu labor. Sara Sánchez, técnico de turismo da Pobra do Caramiñal, puxo en marcha unha iniciativa para que os turistas vexan en que consiste o marisqueo. «O mércores viñeron aos Raposiños un grupo de 22 turistas e estívenlles explicando o que fago tódolos días. Fixéronme moitas preguntas e ata estiveron buscando eles. Fóronse encantados. Creo que isto é moi bo porque é outra maneira de darnos a coñecer», conta Maneiro.
Hai moitos traballos posibles, pero para Genoveva Maneiro non hai un mellor que o seu: «Aínda que ás veces sexa duro é o máis bonito que hai. Es libre á hora de traballar. Estás en contacto constante coa natureza e sempre aprendes cousas novas». Xa o di ela: «Como non vou querer ó meu traballo?».