on é unha reivindicación nova. Hai anos que se pide para Rianxo un centro de día ao que poidan acudir os maiores, e tanto ten cal sexa a razón pola que nas últimas semanas a petición recobrou nova forza e alguén decidiu tomar a voz cante e organizar concentracións e manifestacións para deixar claro que é o que precisan os veciños. Tanto ten cales sexan as razóns, porque o certo é que pedir un servizo deste tipo é cousa de todos.
Efectivamente, Rianxo precisa un centro de día. Non é un capricho, non é un luxo nin é un privilexio, é unha necesidade, porque cada vez os vellos son máis vellos e hai menos xente nova que poida facerse cargo do seu coidado. Que llo pregunten, se non, aos arredor de vinte rianxeiros que cada día collen camiño de Dodro para poder ir ao centro de día. Ou aos que van a Boiro. Que lle pregunten se é ou non unha necesidade a esa muller que un día no médico, sentada na súa cadeira de rodas, dicía o contenta que estaba no centro de Dodro. E contaba canto aprendía, o ben que o pasaba e canto tiña mellorado desde que acudía ao servizo.
Reclamar o centro de día non é cousa dos anciáns. Eles son os usuarios directos, pero todos ?ou iso esperamos? acabaremos sendo vellos e precisaremos as atencións que se prestan nesas instalacións. E antes diso, é probable que teñamos que enfrontarnos á complicada situación de casar as obrigas laborais co coidado de alguén maior.
Un dos argumentos que se utiliza para xustificar que un concello coma o rianxeiro non teña centro de día é que non pode haber un en cada municipio. Pois ao mellor si que pode, igual que temos piscinas e campos de fútbol.