O paraugas universal

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

20 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

lingua proletaria francisco ant. vidal

Ata lembrando a Carlos Casares acabamos falando de Donald Trump e dos problemas do cambio climático que nos traen de cabeza a todos. E iso a pesares de que nunca se coñeceron.

Como é ben sabido, o señor Trump non está de acordo con que as súas chemineas deixen de botar fume. Con palabras menos rebuscadas e moito máis agresivas, don Donald proclamou por activa e por pasiva que o índice de progreso dunha sociedade mídese pola espesura do fume que sae das súas chemineas e o demais son contos. Logo, cando lle dixeron que fume si pero non así, el soltou un Twitter proclamando que poñer filtros é un gasto inútil ou que el non vai pagar os seguros dos demais. Pero como eran tantas as voces de protesta contra a polución causante dun montón de problemas de saúde, ademais de provocar o quecemento global con nefastas consecuencias para a climatoloxía e a rendibilidade das colleitas tanto no mar como na terra, para tapar bocas colleu un fato de asesores e, como se fosen os guionistas dunha película de ciencia ficción, púxoos a espremer os miolos co fin de tranquilizar ós parias do mundo, e para non ser menos cos chinos, que xa bombardearon as nubes con ioduro de prata para que estas precipitasen onde lles conviña, propuxeron unha solución parecida: bombardear as capas altas da atmosfera con partículas de dióxido de sofre, que se manteñen en suspensión como minúsculos satélites, co fin de facer rebotar os raios solares para diminuír o efecto invernadoiro.

Pero como este método non quedaba claro, outro dos guionistas propuxo unha medida máis espectacular: colocar unha especie de toldo que se puidese mover no espazo co fin de facer sombra onde máis se necesite. E aí foi cando nos lembramos de Carlos Casares e daquel señor de Ourense, don Xoán de la Cova, a quen el biografiou. Un personaxe único, deses que xa non quedan, un home que lle daba a todo, tanto ás letras como ás ciencias, das que era un dos grandes teóricos, inventor recoñecido do paraugas universal, ó que na mesma cidade de Ourense lle teñen posto un monumento. Algo tan simple como un deses paraugas xigantescos, un deses dos chamados sete parroquias pero ó grande, que aberto no polo norte, cando chovese ou fixese moito sol, protexese todo o hemisferio.

Como vedes, os asesores de Trump están copiando unha idea nacida na nosa terra, pero que dubido moito que o señor don Xoán patentase nunca, porque a diferencia das americanas, as oficinas de patente galegas danlle moitas voltas a cada invento que reciben, por medo ó ridículo, e así logo chega un Trump calquera e róubanos a idea. A vergoña é o noso pecado nacional e a razón do consabido atraso.

Aínda hai outro invento deste enxeñoso don Xoán, que é o de viaxar a calquera parte do mundo sen moverse do sitio, consistente nun globo aerostático que se eleva en vertical, e como a terra xira sobre si mesma, agardamos no alto ata que chega a cidade á que queremos ir, Nova York, poño por caso, e entón só temos que descender, estar na cidade o tempo que queiramos, e logo volver ó globo e esperar a que a rotación da terra nos poña a nosa cidade ós pés.

Non sei, pero non creo que don Donald nos roube esta idea, el que é tan amigo de poñer muros e valados.