A inutilidade do G-20

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

29 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vinte contra un e ganou o un por goleada. Nada de cambio climático e toda a protección para as súas empresas. Igual ca con aquel amigo da nosa infancia, que por ser dono do balón escollía xogadores, era o adestrador de propios e contrarios e o único árbitro con decisións inapelables, o señor Trump impón as súas regras e todos se axeonllan. A pasada reunión do G-20 foi todo un atraso nas pretensións que din ter, de mellorar a habitabilidade do planeta.

Estaban falando os amigos do parladoiro desa xuntanza dos países ricos, e polo que eles dicían volvín a ter a sensación de que o país que vai por aí enarborando a bandeira da democracia é o máis ditador do mundo, obrigando a todos a acatar os seus ditames. Don Donald decide quen xoga e quen non, a quen lle hai que dar unhas labazadas e a quen se relega a simple observador. Como el di, o seu é o primeiro, e non está mal, desde o punto de vista dos seus. Quen nos dera a nós que os nosos tivesen ese poder de convicción e esa decisión á hora de defendernos, pero o caso é que os nosos calan, pásanlle a man polo lombo para que lles deixe darlle unhas patadiñas ó balón que porta debaixo do brazo e xustifican os seus caprichos de neno consentido con aquilo de que aínda puido ser peor.

Os amigos do parladoiro falaban de todo isto e a miña mente estaba no meu barrio, onde os negocios pechados e co letreiro de «Traspásase», «Véndese»” ou «Alúgase» foron reconvertidos en niños de ratas, mentres nos arrabaldes da cidade medran os grandes almacéns rexidos por multinacionais onde, ata o barbeiro do baixo do meu edificio foi mercar os mobles de do it yourself (así, en imperativo) cando tivo que renovar o mobiliario herdado de seu pai. E a todo isto, a moblería da esquina, con trinta carpinteiros que hoxe agardan a súa oportunidade nas portas do INEM, capaz de deseñarche unha habitación en vinte minutos e amoblarcha antes dun mes, reciclouse en tenda de mesas de plástico, atendida por dous rapaces que estudaron toda unha carreira de empresariais. E nós baixando a orella mentres don Donald proclama con descaro e sen respecto polos demais «América primeiro».