Acontecementos

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

11 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Lin polo miúdo a crónica de Marta Gómez neste xornal sobre o debate dos presupostos de Ribeira para o 2017 (por certo, reitero que os xornalistas acreditados que cobren a información dos plenos deberían cobrar as mesmas asignacións por asistencias que os concelleiros, e alguén debería dar ese paso) e supoñendo que cumpren co obxectivo de estabilidade orzamentaria, coa regra do gasto e o linde do gasto non financeiro, de seguro que son uns bos orzamentos para os ribeirenses, baseadamente polo agasallo deses dez millóns da UE a través do plan Edusi (Estratexia do Desenvolvemento Urbano e Sostible Integrado).

Coñezo as traxectorias de Manolo Ruiz, Rosa García Pose e Herminia Pouso, da que se fala nos mentidoiros políticos como a merla branca do PP ribeirense, e coido que son un aval de seriedade no manexo dos fondos públicos. Agora ben, o que boto de menos é que as contas non fosen acompañadas dunha rebaixa dos impostos directos, a guinda que os culminaría. Ribeira non é unha excepción á brutal fiscalidade á que nos teñen sometidos os concellos.

Agora voume referir a outra controversia que, como non podía ser doutro xeito, xurdiu na vila valle-inclanesca. ¿Hai que desnomear como fillos adoptivos a Fernández Albor e Segundo Durán e desbautizar as súas rúa e praza? Coido que o máis atinado sería desbotar aqueles vellos odios, máis ou menos polémicos, xa resoltos polos veciños. O que non se entende é como pode haber dúbidas sobre a legalidade de consultar coa veciñanza as obras que prefiren. Está contemplado na lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.