Unha lista con máis dun ano de espera

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco CRÓNICA

BARBANZA

Sempre fun unha firme defensora do sistema sanitario público. Considero que o acceso á sanidade debe ser un dereito de tódolos cidadáns e que, polo tanto, facilitalo en condicións óptimas, constitúe un deber daqueles que asumen por vontade propia o deber de gobernar. Por iso, no podo concibir e moito menos considerar aceptable, o que está a ocorrer a día de hoxe. Podería referirme, seguramente, a moitas especialidades e, por casos que coñezo de preto, seguro que non erraría, pero para garantir ao cen por cento que sei do que falo, vou poñer un exemplo vivido en carne propia. En base a dita experiencia, aproveito xa para pedirlles encarecidamente que non sufran unha doenza de tipo muscular ou similar das que non merezan o cualificativo de preferentes. Mo suposto de que fagan caso omiso da recomendación xa lles avanzo que o acceso ao servizo de rehabilitación que lles corresponde por residiren en Barbanza, o situado no hospital comarcal, supón unha espera que supera o ano. Si, o que acaban de ler, teñen que pasar máis de 365 días para que reciban a atención oportuna.

Unha vez alí, non se sorprendan de que o fisioterapeuta asignado lles reciba comunicándolles, non sen certa sorna, que o seu problema é crónico, pois se non o era cando lle foi diagnosticado, doce meses despois seguro que ten ben merecido o adxectivo. E conste que superado o gran obstáculo de acceder ao denominado ximnasio, o trato no interior é de nota. Claro que unha persoa, por moi profesional que sexa, non vai facer milagres nas dúas ou tres semanas, a razón de media ou unha hora por día, que lle asignan a cada paciente. Din que o problema radica en que hai moitas persoas en lista de espera, pero ¿non será que hai poucos fisioterapeutas para tanta poboación? Se non chegan os cinco que hai (tres pola mañá e dous pola tarde) o ideal sería incrementar o cadro de persoal e non esperar a que se reduza a cifra de pacientes.

Aínda que, ben pensado, a teoría que manexan quizais non sexa tan mala. Está claro que no longo ano de espera, seguro que son moitos os que deciden recorrer a un fisioterapeuta privado, co que pode que a lista vaia minguando. Porque 12 meses son moitos para que a despedida sexa unha táboa de exercicios para toda a vida. Manter aquela escola das costas que se puxo en marcha, coa promoción de rigor incluída, no 2003 debía resultar demasiado caro, así que cada un que faga o que poida na casa ou que siga as recomendacións dos profesionais: piscina, pilates e un fisioterapeuta privado.

Entendo o consello que me deu hai pouco unha coñecida: «O mellor é ter unha amizade dentro do hospital, aínda que sexa no servizo de limpeza».