En retroceso

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

03 abr 2017 . Actualizado a las 00:15 h.

Coa irrupción da crise económica, púxose de moda o termo emprendedor, que non deixa de ser un xeito un pouco máis rimbombante de denominar aos autónomos de toda a vida. En realidade, dicir que se puxo de moda é outro eufemismo, porque detrás do incremento da apertura de novos negocios agochábanse historias repetidas centos de veces, as de traballadores que se viron no paro despois de anos traballando para empresas que ou ben botaron o peche, ou ben reduciron persoal drasticamente. O caso é que parece que os emprendedores naceron onte cando en realidade sempre estiveron aí, aínda que a súa figura non estivera revestida desa áurea de dinamizadores da economía que se lles deu coincidindo coa súa proliferación en plena recesión económica.

E por moito que se trate de vestilo bonito, os autónomos non deixan de ser o último elo da cadea, os que menos dereitos teñen dentro do sistema, tanto durante a súa etapa profesional como á hora de retirarse despois de toda unha vida dedicada ao seu negocio. Haberá quen diga que se traballan moitas horas é porque o que gañan é para eles mesmos e que hai quen amasa moitos cartos coa súa empresa. Si, pode, pero sáenlle do lombo, igual que a cada un lle sae o seu salario, pero iso non quere dicir que sexan uns privilexiados.

Unha mostra de que, na meirande parte dos casos, de privilexiados non teñen nada viuse esta mesma semana cunha nova na que se daba conta de que a pensión de xubilación media coloca a estes traballadores no limiar da pobreza. Non estamos a falar de grandes empresarios, senón dos donos de pequenos negocios, dos comercios de proximidade cuxa extinción se trata de evitar. Estamos a falar do carpinteiro que, nun tempo no que é imposible competir cos prezos dos mobles suecos, sobrevive con pequenas chapuzas que vai facendo aquí e acolá; da propietaria da mercería de toda a vida que apura os últimos anos antes da xubilación coa expectativa de percibir unha pensión que non sexa mísera; do dono da froitería da esquina que se levanta de madrugada para que os seus clientes teñan os produtos máis frescos. Cando se retiren, a maioría deles, o 80 % segundo as estatísticas, percibirán unha prestación inferior ao salario mínimo interprofesional.

Iso, os que cobren a súa pensión íntegra, porque resulta que na súa situación de privilexio hai autónomos que non teñen dereito a ela porque os montes e moreas de cartos que gañaron durante a súa vida laboral lles permitiron adquirir propiedades. E o colmo dos colmos é que lles sacan rendemento, o cal, polo visto, lles quita o dereito de cobrar a prestación pola que cotizaron os anos que lle correspondían.

Outra noticia desta semana di que o emprego autónomo está en declive e que o saldo entre altas e baixas de afiliados é negativo... Non me estraña.