A horta da avoa

Carlos F. Coto

BARBANZA

10 feb 2017 . Actualizado a las 05:10 h.

A nosa infancia transcorreu en termos de ecoloxía, sustentabilidade e responsabilidade colectiva, aínda que estas palabras non as coñeciamos. Algúns viviamos no centro de vilas ou cidades, organizadas en tramas urbanísticas de baixa densidade, en casas de planta baixa e alta, con hortas traseiras que ademais de funcionar como pulmóns eran fábricas de alimentos naturais para a nosa dieta atlántica e saudable.

Un porco e varias galiñas, ademais de complementar esa dieta, eran as depuradoras dos nosos residuos; cartóns e papeis facíanlle a cama máis acolledora, e os restos orgánicos da nosa comida eran parte da súa alimentación. Que dicir das nosas aldeas, que ademais de todo isto, non tiñan cuartos de aseo e eran as propias cortes as receptoras das deposicións humanas.

As tubaxes de evacuación de augas residuais -cando as había- eran suficientes para canalizar os poucos residuos que produciamos, e foron calculadas para aqueles núcleos tradicionais; nunca houbo problemas de saturación.

Coa chegada do urbanismo especulativo, de concentración, comezou un proceso de colonización dos patios entre rúas, deixando de ser hortas para se converter en locais comerciais, tamén comezamos a vivir en palés de cemento e tivemos que recorrer aos supermercados para nos abastecer de alimentos, todos eles envasados e embolsados. Sen porco, sen galiñas e sen espazo urbano agrícola propio, abarrotamos as vellas tubarias con residuos e estragamos a paisaxe das rúas con centos de contedores, cada un da súa cor e modelo.

Agora está de moda o ecolóxico e o sustentable, sen saber que o noso pasado foi o que realmente representou mellor esas definicións. Promovemos hortas urbanas para urbanitas, por filosofía ou por mellorar a saúde, pero nunca acadaremos aquela calidade de vida anterior ao progreso.