O imparable neno prodixio das palabras

Rachou o esquema co poemario «Os fillos da fame», cuxa primeira edición se esgotou nun mes


ribeira / la voz

Din del que é un bardo que sabe construír novas paisaxes, modificar as xeografías. Pero a Ismael Ramos (A Picota, 1994) tamén lle atribúen o mérito de ter rachado os esquemas que sitúan a poesía como a grande esquecida nas ventas. Con Os fillos da fame, o seu poemario editado por Xerais o ano pasado, esgotou a primeira edición en menos dun mes e rematou coas existencias, nun só día, nun feixe de librarías de Galicia. A crítica eleva a este barbancés, metade mazaricán metade noiés, ao máis alto, tanto polas súas vibrantes composicións coma pola innovadora temática dos seus versos.

Ismael Ramos empezou a escribir sendo ben pequeno. O argumento que esgrime para explicar como se apoderou del a paixón polas letras é sinxelo: «Empecei a escribir por descarte. Meus pais anotáronme a diferentes actividades extraescolares, pero nada se me daba ben. Pola contra, gustábame escribir e mesmo gañaba os certames que se convocaban no colexio». Estando no instituto Virxe do Mar de Noia, a onde se trasladou coa súa familia sendo neno, xa viu claro que o seu futuro pasaba por xogar coas palabras: «Aínda que sempre me gustou ler, cando cheguei ao instituto anoteime no club de lectura e entrei en contacto con autores clásicos. Foi aí onde me decatei de que quería ser escritor».

Traxectoria meteórica

Poucos anos tiveron que pasar para que tivera a certeza de que o camiño elixido era o correcto. No ano 2011, cando aínda no cumprira a maioría de idade, fíxose cunha ducia de premios, entre eles, os convocados polos concellos de Ames, Cambre, Santiago e Pontedeume; así coma o Minerva e o Anxo Casal. No 2013, quedou ás portas de gañar o Ánxel Fole de narración, un xénero que, segundo di, experimentou «de forma circunstancial», porque o forte del é a poesía: «Considérome escritor e, máis concretamente, poeta».

Xa co currículo cheo de galardóns; entre eles, o Xuventude Crea de Poesía, Ismael Ramos sabía que tiña que gañar un certame dos grandes para recibir o impulso definitivo. E a súa oportunidade chegou hai un par de anos, cun libro que escribira no verán do 2014. Os fillos da fame alzábase co Premio Johán Carballeira, o que lle daba pé ao barbancés a publicar baixo o paraugas dunha editorial de peso, Galaxia. «Deume un pouco de vertixe, pero estou moi satisfeito» recoñece o autor.

Non é para menos, xa que o volume non deixou de darlle alegrías. A última chegoulle hai só uns días: «Cando xa o tiña case esquecido, o libro regresou ao meu presente co primeiro posto dos Premios Fervenzas Literarias, un galardón especial porque é concedido polo público». Recibiuna en plena promoción de No seu despregar, unha antoloxía de poetas novos publicada por Apiario.

Futuro, no aire

Ismael Ramos confésase supersticioso e négase a adiantar detalles sobre os seus plans inmediatos. Iso si, recoñece que hai un libro no forno, no que xa leva traballando catro anos, e que se atopa ás portas dun momento crucial na súa vida. Está cursando un máster en Estudos da Literatura e da Cultura e, cando remate, enfrontarase á decisión de elixir unha profesión: «Non teño nin idea do que vou facer. Quero ser escritor, pero sei que preciso outro traballo para gañarme a vida. Dá medo pensar nese futuro, pero tamén me apetece que chegue o momento».

Aínda que recoñece que o camiño da literatura está cheo de obstáculos, amósase bastante optimista: «O sistema editorial galego estase empezando a recuperar e comeza a ser un pouco máis doado publicar». Explica que, á hora de enfrontarse a un folio en branco, pensa no evidente: «Ao escribir falo daquilo que non cuestionamos, pero que é máis complexo do que parece». De feito, o eixo de Os fillos da fame é a familia: «É algo que nos ven dado, pero que pode dar moito de si. As novelas plasman a realidade, pero a poesía debe aspirar a reflectir a verdade, o que hai detrás desa realidade».

Con autores como Méndez Ferrín, Xohana Torres ou Louise Glück como referentes, Ismael Ramos confesa que o Mazaricos natal inflúe na súa obra: «É o lugar ao que volvo e no que penso, aínda que Noia foi onde empecei a escribir».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

O imparable neno prodixio das palabras