«Aquilo marcoume, non se esquece»

BARBANZA

CEDIDA

Formaba parte do grupo de letrados asasinados no 1977; el salvouse e foise despois á Coruña

24 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe cúmprense 40 anos da matanza de Atocha. O mariñán Francisco Antas, estreitamente relacionado con Ribeira, onde ten casa en Aguiño e contou con despacho en Santa Uxía, formaba parte daquel grupo de avogados laboralistas que foron asasinados a sangue fría no seu lugar de traballo. Eran Luis Javier Benavides, Enrique Valdelvira, Javier Sauquillo, Serafín Holgado e Ángel Rodríguez; quedaran feridos Alejandro Ruiz-Huerta (administrativo), Luis Ramos, Dolores González e Miguel Sarabia. El librouse por pouco, saíra uns minutos antes de que entraran os asaltantes.

-A moita xente nova aquela masacre sóalle a chino.

-Si, si. Home, dentro da profesión quizais non porque foi un acontecemento importantísimo, pero si que é verdade que á xente de 20 ou 30 anos, quizás o atentado lles soa como cousa rara.

-Incrible ¿non?

-Si, pero incrible porque vivimos no país que vivimos; a historia non sei como se estuda. Despois de corenta anos, entendo que isto é historia para estes rapaces e entendo que se tiña que estudar e se tiña que falar destas cousas para que a xente saiba o que foi aquilo e se coide moi moito de que non se volva repetir.

-¿Pode resumir o que pasou aquel día? ¿Como o viviu?

-Eu tiña 23 anos. Terminei a carreira en 1975, empecei a traballar en Atocha no 76 e isto foi en xaneiro do 77. Ese día en concreto estivemos consultando toda a tarde, como tódolos días, en Atocha 55. Sobre as nove, nove e media, que era a hora na que terminabamos, iámonos; cando saiamos, entraban outros avogados doutros despachos que tiñan alí unha reunión cos de Atocha e asesoraban aos movementos cidadáns... Chegaron, despedímonos e eu fun picar algo por alí con outros dous compañeiros. Sobre as dez menos cuarto, creo que foi, chamaron á porta do despacho, abriron e entraron dúas persoas encapuchadas e preguntaron por Navarro, que era un líder do sindicato de Transportes de Comisións Obreiras. Reuníronos a todos alí na entrada e empezaron a dispararlles. Outro agardou na porta. Eu non o souben ata a mañá seguinte. Sobre as once da noite marchara para a casa e, como non tiña teléfono nin porteiro automático, non houbo maneira de localizarme. Á mañá seguinte espertáronme uns golpes tremendos na porta; era meu irmán que estaba estudando alí, escoitou a noticia na radio e pasou toda a noite percorrendo hospitais para saber si eu estaba entre as vítimas.

-Non estaba para vostede.

-Non, non estaba, pero marcoume, non se esquece.

-¿Supérase?

-Superar supérase, pero nunca volverás esquecelo. Aos dous días que puidemos entrar no despacho aquilo era unha escena dantesca. Todo cheo de sangue, balas por tódolos sitios, imaxina.

-¿Que fixo despois?

-Estudei a carreira en Bilbao e antes de ir a Madrid intentei vir á Coruña ou a Vigo; non me foi posible e quedei alí. Admitíronme despois de indagar cousas sobre min, porque era un despacho pertencente á organización do PC, que era ilegal naquel momento, e non admitían a calquera. Fun alí coa intención de que en canto puidera viña para Galicia e en xuño do 77 vinme para A Coruña, para o despacho de Rafael Bárez, e dende aquela estou aquí. Tres anos ou catro estivemos integrados como asesores do sindicato de Comisións Obreiras, pero no 82 montamos o despacho no número 8 da rúa Compostela e aquí seguimos.

-¿Cre que aqueles asasinatos se investigaron debidamente?

-Ao xuíz que lle tocou instruír o sumario era Gómez Chaparro. Viña do Tribunal de Orden Público, que xulgaba temas políticos e sindicais, un franquista que estivo tapando e que cando a liña de investigación podía chegar máis enriba se encargaba de pechala. Foi substituído en abril de 1979 tras a fuga de Fernando Lerdo de Tejada, un dos acusados, aproveitando un permiso penitenciario. O tempo logo dificulta a investigación; os autores materiais e indutores primeiros foron descubertos, pero a trama chegaba máis alá. Ese feito enmárcase dentro dunha semana na que asasinaron a Mari Luz Nájera e a outro estudante máis, Arturo Ruiz, un a mans da policía e outros a mao da Triple A, unha organización fascista. Había un movemento involucionista claro e todo o mundo está convencido de que non chegaron á trama que había por arriba.