Ramón Sampedro, a loita continúa

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco CRÓNICA

BARBANZA

21 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non estou segura de a cantos dos 18 encontros que un grupo de veciños de Xuño veñen celebrando enriba nas Furnas para lembrar a Ramón Sampedro teño asistido, pero sei que a cifra está por riba da media ducia. A todos acudín como xornalista, pero en todos sentín unha emoción inusual, sobre todo tendo en conta que participaba como mera espectadora e que nunca cheguei a tratar, nin sequera a coñecer, ao que foi un dos máis grandes loitadores que pariu esta terra de Barbanza. Con sol, chuvia ou un frío insoportable, sempre me atopei alí co bravo mar, co asubío do vento e cos mesmo rostros. Algúns van cambiando, pero o eixo desta homenaxe mantense. E sempre me fun de alí cunha sensación de tristura, xerada non tanto polo feito de ter estado nun acto en lembranza dunha persoa que xa non está entre nós, senón por considerar que o primeiro español que foi quen de loitar pola liberdade de que cadaquén elixa cando poñerlle fin á viaxe da vida merecería moito máis.

Eu acababa de empezar a traballar como xornalista cando entrei en contacto coa historia de Sampedro. Foi aquel 12 de xaneiro de 1998, o día no que el marchou para sempre, farto de loitar, despois de mergullarse nunha maraña burocrática na que de seguro rememorou, nun feixe de ocasións, aquel baño na praia das Furnas que o deixara tetrapléxico cando tiña 25 anos. Daquela pouco coñecía da súa historia, da guerra que deixaba a medias, pero non tardei en poñerme ao día. Penso que a súa batalla saíu verdadeiramente á luz trala súa morte e foron moitas as persoas que nestes 19 anos se foron sumando á súa causa, senón para defendela activamente, si para apoiala en silencio.

Por iso me resulta difícil entender o que ocorre nas Furnas. Por iso son incapaz de atopar explicación a unha pregunta que me ven roldado a cabeza desde hai anos e que o pasado domingo volveu a aflorar en min: ¿Por que unha homenaxe que debería ser concorrida e chea de rostros coñecidos se queda nun encontro de menos de medio cento de persoas? Poida que isto sexa o que buscan os promotores do acto, conscientes de que sería o que querería o seu gran amigo, pero penso que non é o que merece Ramón Sampedro. Porque lonxe da opinión que teña cadaquén ou do que decida facer cando lle chegue o momento, o que está claro é que a morte deixou de ser para moitos unha agonía interminable porque el iniciou unha loita que continúa na actualidade.

Sempre estaremos en débeda con Ramón Sampedro, como sempre estaremos en débeda con aqueles que continuaron o seu labor. E seguen facéndoo, case desde o anonimato, sen buscar máis publicidade que a que saben que pode resultar positiva para a súa causa.