Almánimal: «Hard rock» con seseo e gheada

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

A banda formada por cinco mozos vén de lanzar o seu primeiro videoclip

21 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde sempre, a música é unha das grandes afeccións dos mozos. ¿Que adolescente non soñou algunha vez con ser unha estrela, pisar os mellores escenarios e arrastrar multitudes? Pero, como en todo, só algúns loitan por abrirse camiño nun complicado mundo, no que a sorte e os contactos son cada vez máis importantes. E nesa guerra por atopar un oco no panorama musical galego están nestes momentos mergullados cinco mozos da Costa da Morte. Trátase dos integrantes de Almánimal, unha banda formada en Carnota no 2011 trala fusión dos talentos achegados por un grupo de amigos da infancia.

Sergio Trillo, Armando Betancourt, Pablo Pérez, Samuel Piñeiro e Andrés Touriñán déronlle forma á idea nun local coñecido popularmente coma O Garito de Pablo. O grupo dedicábase, nas súas orixes, a imitar aos grandes do rock, deixándose levar tamén por coñecidos músicos doutros estilos. The Doors, Bob Marley e System of a Down eran habituais nas actuacións dunha banda que ofrecía un repertorio de hard rock mesturado con tentes de reggae e rock psicodélico. Iso si, sempre con letras no galego da zona, o que ten o seseo e a gheada coma trazos característicos fundamentais.

Aqueles primeiros encontros que comezaron coma unha reunión de amigos co único propósito de «tocar algo», foron sendo cada vez máis serios e xurdiu no grupo a necesidade de crear temas propios e amosar o froito do traballo realizado nun local pechado enfrontándose ao respectable. Pode dicirse que foi no 2014 cando Almánimal deu o salto definitivo, ofrecendo o seu primeiro concerto. Pero, coma se dunha droga se tratara, o corpo pedíalle máis a estes mozos da Costa da Morte e eles estaban dispostos a dárllelo.

Entrar polos ollos

E foi nesta carreira de superación constante na que viu a luz Conselleiro do lughar, título dun tema propio que está a circular pola Rede en forma de videoclip: «O vídeo é moi sinxelo e foi gravado no mesmo local que empregamos para os ensaios», comenta Pablo Pérez. Tanto el coma os seus compañeiros de aventura se viron abocados a imitar ao resto de novos grupos: «Animámonos a gravar o vídeo porque temos que adaptarnos ao que se demanda actualmente. Se fose por nós, fariamos só música, pero está claro que hai que entrar tamén polos ollos».

A curto prazo, o obxectivo destes mozos non é outro que tocar: «Queremos facernos un pequeno oco na música galega, entrar na rede de concertos. Con estar en dous ou tres festivais no vindeiro verán xa sería un logro para nós, pois aspiramos a darnos a coñecer, sen máis». A longo, a publicación dun disco está entre os retos de Almánimal: «Polo de agora apostamos máis por temas soltos, para que a xente nos vaia coñecendo, pero está claro que se a resposta do público é boa, a intención é o disco. O que pasa é que iso xa supón un gasto importante», apunta Pérez.

El é consciente de que son moitas as bandas coma a súa que tratan de abrirse un oco no mundo da música: «Non é que sexa algo negativo, pero é certo que en Galicia hai moito potencial e, para entrar no círculo, non queda outra que ter contactos». E iso é precisamente o que buscan estes mozos da Costa da Morte, atopar a chave que lles permita abrir a porta da rede de festivais que se tece en Galicia.

Mentres, seguen a encontrarse entre as catro paredes nas que cumpriron o soño de cantar, tocar e ter un grupo propio. Como referente teñen as grandes bandas de rock das décadas dos 70 e 80, que deixaron unha pegada que chega ata hoxe. Tamén a eles lles gustaría, algún día, facer historia, aínda que sexa a nivel do eido galego.