A auga de mar

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

17 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os animais máis grandes que se poden atopar nos nosos océanos son as baleas, considerándose que a balea azul é o animal máis grande, dinosauros incluídos, que xamais existise no planeta azul, con ata trinta metros de lonxitude, se ben isto é relativo xa que un profesor do departamento de bioloxía animal da universidade de Alcalá de Henares, o doutor Junoy, atopou nos arquipélagos das Cíes e Ons un verme, Lineus longissimus, que pode acadar os sesenta metros, o que non deixa de ser unha anécdota para florear un pouco estes insulsos comentarios que me publican neste xornal.

Pero a importancia dos mares seica non está tanto na súa capacidade de acubillar tanto peixe como se cantou na lonxa de Ribeira o ano pasado, senón por outros usos, mellor dito desusos, no eido da medicina e tamén polas propiedades nutricionais inxerindo auga de mar. No eido medicinal a auga mariña está sendo usada nos países pobres, como Nicaragua, como substituto de fármacos caros. Claro que isto podería ser un gran problema para a industria farmacéutica ou para os médicos que atacan o copago, auto proclamándose como os grandes defensores dos débiles (páxinas 6 e 7 de La Voz de Galicia do 12/01/2017). No comment.

Alimentariamente, moitas voces coinciden en que na gran sopa mariña atópanse as propiedades nutricionais máis importantes, poñendo como exemplo diso a envergadura que os balénidos acadan porque se alimentan, caso dos mexillóns, especialmente do zooplancton, xa que non teñen dentes. Eu quero dicirlles que bebo auga de mar mesturada con auga doce na proporción de 1/4.