Amalgama de talentos artísticos

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Os creadores noieses veñen de poñer en marcha unha galería que aspira a ser punto de encontro de persoas cun denominador común, o interese polo eido creativo

07 ene 2017 . Actualizado a las 19:40 h.

Noia é un dos referentes barbanceses a nivel artístico, por iso non é estraño que innovadores proxectos vinculados a este eido traten de abrirse camiño na vila. Un dos últimos que ven de ver a luz é Dous, a galería na que dous coñecidos e recoñecidos creadores fusionan o seu talento. Trátase da gravadora Rosana Calvo e do pintor e escultor Nacho C. Beiro. Pero máis que un espazo no que ámbolos dous queren traballar, expoñer e vender as súas obras, este recuncho aspira a ser punto de encontro de persoas que comparten inquedanzas polo mundo das artes, no sentido máis amplo da palabra.

Foi Rosana Calvo, a alumna de Alfonso Costa que logrou facerse co prestixioso premio Atlante no ano 2015, a que tivo a idea de darlle un xiro ao estudo que puxera en marcha cando a crise a obrigou a converter a súa afección pola arte nun negocio: «No momento en que coñecín a Nacho e vin a cantidade de obra que tiña souben que podiamos facer algo xuntos. El posúe moitas pequenas e medianas esculturas que nunca chegou a amosarlle ao público e considerei que sería interesante brindarlle a oportunidade de exhibir todos eses traballos inéditos».

A gravadora confesa que hai xa un ano que na súa cabeza empezou a cobrar forma a idea de converter o seu taller nunha galería de arte, aínda que non foi ata hai un par de meses cando callou de verdade. O seu socio deulle o empurrón definitivo: «Xuntáronse dous puntos de vista diferentes, pero converxentes. Rosana quería abrir unha tenda de arte e eu ansiaba amosar a miña obra, xa que vivo no Obre e a xente ten que desprazarse a propósito ata a miña casa para ver o que fago».

E foi así como Dous iniciou a súa andaina no corazón da vila de Noia. No seu interior, unha exposición de obras en pequeno formato divide as dúas áreas dun espazo aberto. Unha delas presidida polo tórculo no que Rosana Calvo imprime as súas estampas e lle amosa aos alumnos os segredos do gravado, unha técnica que conta cada vez con máis seguidores tanto en Noia como no conxunto da bisbarra de Barbanza.

Apoio desde Barcelona

A outra área existente, repleta de cadros, serigrafías, acuarelas e as esculturas ás que o seu socio lle deu forma tomando como base materiais moi diversos.

A de Nacho C. Beiro é unha exposición de carácter retrospectivo, con traballos feitos en distintas etapas da súa traxectoria profesional. A amalgama creativa complétase con obras do seu irmán Jesús Costa, que reside na cidade de Barcelona pero que atopou a forma de apoiar este proxecto.

Rosana Calvo explica que a idea é que, cada certo tempo, a exposición vaia cambiando. Asegura que polo seu maxín bulen unha chea de ideas. Unha delas pasa por aplicar a arte á decoración, un eido que experimentou con gran satisfacción no proceso de posta en marcha da galería: «Nós encargámonos da preparación de todo o mobiliario, un labor que resultou moi didáctico». A artista asegura que está en pleno proceso de eclosión creativa: «Estou empezando a collerlle o gusto a novas técnica a nivel pictórico, como pode ser a acuarela, pero tamén pretendo empezar en breve coa escultura».

Ela están convencida de que, a través de Dous, a arte pode abrirse á sociedade, algo que considera imprescindible: «A arte non é tan popular como debería. Na galería temos pezas desde cinco euros, e de aí ata o que se queira pagar, pero o que está claro é que non todo o mundo aprecia e valora este mundo, só o fan aquelas persoas ás que realmente lles gusta. Eu confío en que co tempo, chegará o ocupar o lugar que se merece».

O obxectivo

Nacho C. Beiro amósase un pouco máis escéptico, aínda que asegura que a súa principal pretensión ten moito que ver coa palabra compartir: «O meu obxectivo é ter un espazo no que a xente que estea interesada por este mundo teña ocasión de experimentar, que sexa un punto de encontro, aínda que as persoas que se acheguen o fagan só con ánimo de falar e de intercambiar opinións». El, que pasou parte da súa vida en Cataluña, sostén que pretende importar un modelo de galería que alí é moi común: «Penso que en Galicia hai moito individualismo no eido creativo e este espazo pode ser o comezo dunha nova visión do que é a arte».