Raíces de pedra

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

18 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos proxectos de recuperación de sitios arqueolóxicos nos que participo por todo o país, sempre me preguntan o mesmo: «Onde van ir parar as cousas que aparezan neste castro?». E outras veces se me advirte: «Eu doarei o que atopei no castro, pero só se fica aquí». O «aquí» ese resulta bastante complicado. A Lei de Patrimonio Cultural é bastante clara: os materiais arqueolóxicos teñen que ir ao museo provincial e, se tal, logo xa se verá. Ese «xa se verá» comprende un amplo abano de posibilidades técnicas e políticas. Non falta moitas veces o conflito.

A situación chega a ser surrealista. Os museos provinciais están saturados de pezas que, se aceptan, non van exhibir, e os veciños teñen a percepción de que lles levaron unha parte importante do seu patrimonio. Porque as cousas teñen distinto valor onde estean. Un museo provincial garda centos de muíños de pedra aparecidos en castros e aldeas da Idade do Bronce. Alí non representan nada, pero eses muíños, na parroquia ou no concello no que apareceron, convértense en importantes testemuñas do pasado. Teñen un valor local indiscutible.

Por iso que o Concello de Rianxo musealice no Auditorio dúas pezas importantes do seu acervo non é asunto menor e abre moitas portas. Obviamente, hai pezas (ourivería, por exemplo) que necesitan condicións de conservación, técnicas e seguridade especial, e que deben estar nos museos de sempre. Pero todas esas infraestruturas, ás veces baleiras, dos nosos municipios poderían ter un novo sentido se se integran en pequenas coleccións da memoria arqueolóxica local.