Modelos que funcionan

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

15 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non son comerciante nin coñezo de primeira man os problemas cos que se pode atopar un autónomo na xestión diaria do seu negocio. Pero si que son consumidora, das que pisan o terreo, das que, de momento, se resisten a mercar por Internet e gustan de mirar escaparates e probar antes de comprar, e como tal non podo entender o rexeitamento que provoca no sector calquera intento de peonalización dunha rúa.

Estes días Ribeira está en pleno experimento para ver que tal resulta iso se liberar de tráfico as vías máis próximas á praza do Concello, e antes incluso de ver se a cousa funciona ou é preciso buscar outras alternativas, os empresarios da cidade comezaron a recoller firmas para opoñerse aos cambios propostos por parte do goberno local. E non o podo comprender porque abonda con botar unha ollada a outras vilas, sen necesidade sequera de saír da comarca, para comprobar que lonxe se supor unha ruína para o comercio, as rúas peonís poténciano.

A semana pasada, nestas mesmas páxinas publicabamos unha reportaxe sobre Boiro e como o feito de eliminar os coches do centro o transformou por completo. E é certo, calquera día a calquera hora un atopa esa zona chea de xente, e non é sinxelo encontrar un baixo comercial baleiro. Posiblemente, poucos proxectos para peonalizar unha rúa se enfrontaron a unha oposición tan feroz como a que houbo en Boiro, pero o tempo acabou por darlle a razón aos que apostaron por outro modelo de mobilidade, nesa localidade e en moitas outras.

A rúa Galicia ribeirense está ateigada todas as mañás, e o mesmo ocorre en Vilagarcía, onde Inditex comezou a ampliar a súa rede de tendas na cidade en canto Rey Daviña se transformou nun espazo peonil, e agora estase a traballar para ampliar os espazos libres de coches. Por non falar de Pontevedra, convertida a estas alturas nun referente a nivel internacional que atesoura premios.

Con tantos antecedentes positivos, cústame entender que siga habendo tantas reticencias a gañar espazos para os peóns. Está claro que os cambios sempre custan e que é preciso un período de adaptación, pero é bo que todo o mundo, comerciantes, clientes e condutores, fagan un esforzo. Pode que o modelo que vén de poñer en marcha o goberno de Ribeira non sexa o máis adecuado, haberá que velo, para iso se están facendo ensaios, pero cando menos haberá que darlle unha oportunidade. Ou sentarse a falar e poñer sobre a mesa outras alternativas.

O que está claro é que, a estas alturas, o debate sobre se o modelo peonil é bo ou malo debería estar superado. O contrario quere dicir que non se aprendeu nada das experiencias previas.