O tempo e o clima deron pé a innumerables supersticións
28 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.A sabedoría popular dou en crear advertencias de grande utilidade como as relativas aos fenómenos meteorolóxicos. Non hai que desprezar avisos como «noroeste de serán, vendaval pola mañán» ou «auga do mar e vento da ría, chuvia pra todo o día» porque son o resultado de centos de observacións condensadas nun certeiro aforismo.
Na actualidade preferimos acudir ao programa científico máis popular de toda a grella televisiva. Si, en efecto, o programa máis visto da televisión en todo o mundo é un programa científico. Estámonos referindo, evidentemente, ao espazo que se emite en todas as cadeas despois dos informativos: o tempo.
Tempo é unha palabra polisémica que se emprega para dous conceptos ben distintos. Na lingua inglesa utilízase a palabra time en relación ao tempo cronolóxico e a palabra weather para o tempo atmosférico, mentres que en galego aplicamos unha soa palabra para ambas as dúas acepcións. Quizais a carencia dun vocábulo específico para nomear o tempo atmosférico sexa a razón de que exista tanta confusión entre tempo e clima.
O tempo atmosférico dun lugar concreto a unha hora determinada é o conxunto de parámetros -temperatura, presión atmosférica, dirección e forza do vento, tipo de nubes, humidade, etc.- que afectan ese lugar nese intre. O tempo cambia constantemente ao longo das horas, os días e os meses. Podemos dicir que un día a unha hora concreta o tempo en Lousame é frío e chuvioso, mentres que en Ourense é morno e con ceos despexados. Incluso podemos ver que, por casualidade, un día á mesma hora, o tempo é exactamente igual en Vigo ca en Córdoba.
O clima é un concepto máis xeral que fai referencia en promedio aos mesmos parámetros (temperatura, presión, nubosidade...), xeralmente dos últimos trinta anos. Así, podemos admitir que o clima de Galicia é morno e chuvioso, ou que o clima de Almería e cálido e seco. Pero sería un erro dicir que o clima de hoxe é treboento, xa que este fenómeno puntual refírese ao tempo e non ao clima. E, por suposto, o clima de Vigo é moi diferente ao de Córdoba.
As supersticións sobre o tempo e o clima son tantas que precisarían dun tratado completo, así que baste con mencionar as témporas, que son as catro estacións do ciclo litúrxico católico. Hai quen di que o tempo que vai os primeiros tres días de cada témpora será o que rexerá en cada un dos meses que dura cada unha.
Aquí entra outra vez a sensata voz do pobo con expresións como «marzo, marzadas: vento, frío, sol e sarabiadas», «maio atreboado, ano temperado» e «ceo empedrado chuvia de contado» ademais das máis de setenta palabras que o galego usa para designar as distintas formas de chuvia (poalla, chuvisca, nebra, zarzallo, babuxa, orballo, ciobra, bategada, salseiro, barruzo, escarabana, etc.) como nos amosou o coñecido estudo de Elvira Fidalgo, número que outros autores elevan a máis de cen.
En castelán existe unha palabra pouco común «temperie» que ten o mesmo significado que weather, que non estaría mal que se popularizase e que a importaramos ao galego. Pero, en todo caso, xa sabes «tenlle respecto á Curota cando lle vexas capota».
Distintos elementos auguran a chegada da choiva ou da calor FOTo jesús suárez ares