En loita continua por desenterrar o pasado

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

Galicia e as súas mulleres son os campos de traballo predilectos da mestra namorada de Miñortos

16 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai persoas que deixan unha fonda pegada e mesmo son quen de marcar o futuro daqueles que se atravesan no seu camiño. No caso de Aurora Marco, ese decisivo ser foi Ricardo Carballo Calero. O filólogo, mestre e escritor levouna a seguir os seus pasos e mesmo a sentir un amor cara a Galicia e o galego que nun principio podía antollarse difícil. No seu empeño por desenterrar a cultura desta comunidade, esta barbancesa de adopción atopou o que é o seu segundo gran eido de estudo: a muller.

A historia desta profesora, investigadora e ensaísta comeza a escribirse lonxe de Galicia. Como mestra que era, a súa nai tocoulle percorrer boa parte da xeografía española e tivo a Aurora Marco ao longo da súa estancia en Noguera de Albarracín (Teruel). Pode dicirse que tivo o seu primeiro contacto co galego aos 9 anos, cando a familia se traslada a unha aldea de Ordes. Aquel descubrimento, da man das compañeiras de colexio e da avoa, foi coma unha semente que xermolou cando Carballo Calero lle propuxo traballar con el.

Aurora Marco cambiou o seu futuro en Francia, para onde solicitara o doutorado cando estaba a piques de rematar Filosofía e Letras, por unha vida entregada a Galicia: «Nunca lamentei aquela decisión. De Carballo Calero aprendín a traballar, a valorar o noso, pero tamén me amosou a súa ética e a súa estética, o seu saber estar. Da súa man empecei a investigar».

Os comezos

O primeiro froito desta faceta como escudriñadora do pasado veu a luz no ano 1970 en forma dunha tesiña sobre a lingüística galega do século XIX, ao que lle seguiría a tese, A lingua nas novelas de López Ferreiro. E así ata máis de vinte libros e un cento de artigos publicados en revistas especializadas.

Da man de Carballo Calero, Aurora Marco tamén desenvolveu a súa vocación de mestra, primeiro na Facultade de Filosofía e despois na de Ciencias da Educación, onde estivo nada menos que 44 anos impartindo Lingua e Literatura Galega. Estreitamente vinculadas a este eido están boa parte dos ensaios e biografías -entre elas, a de Antón Avilés de Taramancos- aos que lle deu forma a investigadora que, aínda que reside en Compostela, ten en Barbanza a súa segunda casa, concretamente en Miñortos: «Adoro a serenidade, a paz e a calma que sinto aquí, onde son feliz e me sinto realizada».

Mergullada na historia dos galegos ilustres, Aurora Marco descubriu o importante papel que xogaron as mulleres e soubo que tiña que desenterralo. «Cando empecei con Carballo e me falaba de realizar traballos sobre distintos escritores, sempre me gustaba investigar, tiña ansia de buscar o descoñecido, o que estaba oculto e iso foi o que me levou a falar das mulleres», explica.

Así xurdiron obras coma o Diccionario de mulleres galegas, no ano 2007, e As silenciadas, un libro que inspirou un documental que no 2011 foi merecedor dun Mestre Mateo. Das palabras de Aurora Marco é doado deducir o interese que ten sobre esta temática: «As mulleres somos as grandes esquecidas, seguimos discriminadas malia o que se fala; por iso pensei que era fundamental saber delas». Empezou polas que se dedicaran á educación, continuou polas escritoras e quixo abranguer despois a todo o colectivo: «Vin que era inxusto non sacar á luz ás músicas, ás sindicalistas e mesmo ás expoñentes de diferentes oficios».

Presente e futuro

Elas é a última obra da investigadora. Nela recompila as biografías de 410 mulleres, desde escritoras e artistas ata redeiras, oleiras e parteiras. Nestes intres, Aurora Marco percorre Galicia con este libro, que se presenta xunto cunha exposición de oito pintoras, ao tempo que escudriña no pasado de María Vinyals, marquesa do Castelo de Soutomaior que evolucionou cara o socialismo, e trata de rematar a biografía de Joaquina Dorado, unha catalá obreira da madeira que viviu exiliada durante moitos anos.

Para un futuro que espera próximo deixa a ampliación da biografía de Carballo Calero, cuxa primeira parte, Foula e ronsel, lle valeu o premio Ánxel Fole. E seguirá, sen dúbida, remexendo no pasado de Galicia e das súas mulleres, ansiando que o día teña 36 horas para desenterrar historias que seguen a estar inxustamente silenciadas.