Recuperar as caixas de aforro

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

11 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo no que pensaba postularme para formar parte do consello de administración da extinta Caixa Galicia xa que percibía certos sinais de que algo non ía ben. Requisitos, méritos e capacidade tiña abondo naqueles intres para intentalo pero algo imprevisto truncou aquel desexo. Logo foron xurdindo acontecementos como o desmantelamento de moitas sucursais coa escusa de que non eran rendibles. Moi contestadas pola cidadanía foron as de Corrubedo e Xuño, pero eu sempre entendín que as caixas de aforro eran un gran servizo público, principalmente para a Galicia espallada, no que a banca privada non podía concorrer pola lóxica das súas premisas.

Coñecín algúns dos seus membros, que tanto podían ser curas usureiros como enchufados por algún designio inconfesable, pero que, do mesmo xeito que aconteceu coa meirande parte das de España, non foron quen de evitar o «chanchullo» das preferentes, o latrocinio de certos cargos directivos e a creba de case todas elas, que tiveron que ser rescatadas co diñeiro de tódolos españois por aqueles que produciron o seu naufraxio: políticos, sindicatos e xente de mal vivir.

Descoñécese aínda se as nosas caixas galegas dispoñían das famosas tarxetas black, pero segundo testemuñou Rato, non era exclusiva de Caja Madrid. O que interesa é que a política e os políticos analicen a utilidade que tiveron estas entidades financeiras e «pelillos a la mar», como se narra na Ilíada, retomen o asunto tendo en conta que se foron útiles durante tres séculos nada xustifica a súa desaparición. Todo o contrario.