Recendos de setembro

Ramón Ares Noal
Moncho Ares CRÓNICA

BARBANZA

16 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Setembro é mes de fin e principio. Inspira nostalxia e decaemento. O verdor transfórmase en ocre e marrón. O verán conta os días para marchar, e o inverno semella agochado, disposto a entrar en escena incluso antes de que lle toque. Nas praias os traxes de baño van indo aos menos para que, en pouco tempo, roupa de augas e rastros as tomen para sacar os seus froitos. O alboroto dos cativos cambia de escenario. Os días empezan a facerse cada vez máis pequenos. As vacacións incluso deixan de ser un recordo para converterse nun desexo. E empeza o tránsito na penumbra, na escuridade, na humidade, en dirección á claridade dunha nova primavera, que parece tan remota. Pero setembro acostuma ser un mes interesante que ata che concede a graza, de cando en vez, de transformarse en verán. É tempo de recendos naturais: da uva, do viño, da mandarina... e de recendo festeiro: das bengalas da Rianxeira, da cera queimada do Nazareno, do cabrito de San Roquiño... Setembro é un regreso á vida cotiá, pero, aquí, en Barbanza, ten o aliciente de brindarnos inesquecibles citas, pegañentos cheiros e de prepararnos para a invernía, esa estación que se fai tan longa pero que pasa, e pasa ata que un día te das conta de que superaches o ecuador da túa vida e a costa abaixo te leva a vivir os anos á mesma velocidade que vivías os meses cando só eras un cativiño.

Setembro inspirou moitísimas cancións, a meirande parte delas cun halo de nostalxia, porque ten a mala sorte de estar xusto ao virar o 31 de agosto, o último día dese período no que se espallan os sentidos, pero pasa rápido, especialmente si un decide coller o tren das festas e ir brincando dunha a outra ata caer de cheo en outubro, tempo de castañas, de granadas... de empezar a cumprir as promesas que sempre chegan despois dunha etapa de ledicia.

Pero non se aflixan, porque en menos de nada chegarán os doces de Nadal aos supermercados, as cabalgatas dos reis ás rúas, os disfraces do Entroido ás tendas, as cereixas aos mercados, as sandías ás romarías... ata que volva de novo a nostalxia de setembro, ese mes que cada ano nos mete na rutina da velocidade da vida.