Non abonda

BARBANZA

29 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

AXunta de Galicia aprobou onte o Catálogo das Paisaxes de Galicia, un instrumento de protección de áreas de singular valor que aplica a un total de 211 zonas do país o réxime de solo rústico de protección paisaxística. Entre ás áreas incluídas está a serra do Barbanza ou o monte Pindo. Aínda que na propaganda gubernamental e nos discursos do presidente todo isto soa magnífico, unha ollada con lupa amosa outra realidade.

O réxime de protección desas paisaxes na nova Lei do Solo é a de solo rústico de protección paisaxística. Se un consulta a citada lei autonómica, decátase de que esta figura ofrece unha ampla variedade de posibilidades para facer tropelías na paisaxe, agora con amparo -e incluso beneplácito- legal.

No caso do monte Pindo é a singular orografía do monte a que ata agora impediu boa parte das animaladas antrópicas, non a regulación administrativa.

No caso da serra do Barbanza, a pertenza ao Catálogo da Xunta de Galicia continuará facilitando que se sigan facendo pistas inútiles, sementando muíños eólicos de uso privado e parcelando o monte ata o absurdo, e limitando con iso o tránsito natural das especies salvaxes ou semisalvaxes que viven nos nosos ancestrais chans. A solución para estes espazos que deberan enorgullecernos sería avanzar no seu recoñecemento: no caso do monte Pindo, que o declaren dunha vez parque natural, e na Serra do Barbanza dar novos pasos máis no sentido da rexeneración que na protección.

En fin: este columnista marcha de vacacións a outras paisaxes. Vémonos con gusto no mes de setembro.