A eterna pregunta

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

09 jun 2016 . Actualizado a las 12:22 h.

Hai pouco entrevistei ao arqueólogo da Universidade de Edimburgo Manuel Fernández-Götz, unha das novas promesas da arqueoloxía europea, e pregunteillo: «¿Os galegos somos celtas ou non?». Contestoume que si, pero de seguida precisou. Estes celtas hai que consumilos con filtro porque xa non son os de Murguía, esa imaxe que aparecía no paquete de cigarros Celtas: guerreiros barbados de ollos azuis acompañados de druídas con fouces, tan fortes como para ficar no imaxinario galego ata hoxe. Os celtas murguianos sobreviviron porque era a primeira imaxe orgullosa dunha Galicia moi desprezada. Máis que como unha identidade monolítica, ser celta é comparable a ser latino. Ti podes ser latino e francés, italiano ou arxentino. Terás linguas parecidas, se cadra unha relixión, certa idea da familia. Cos celtas pasa o mesmo. Un celta centroeuropeo ou gálata da Idade do Ferro tiña moi pouco que ver cun irlandés, galés ou galego.

Hoxe temos un retrato máis amplo. Os celtas non foron só os que viviron nos castros hai dous mil anos. En realidade, como di o arqueólogo inglés Barry Cunnlife, o que tivemos son uns «celtas de longa duración», conformados ao longo de tempos que non rematan na Prehistoria. Non viñeron cunha invasión: sucederon ao longo de milenios. O celtismo é un concepto máis cultural que arqueolóxico. Tan celta é o himno galego coma o Mabinogion galés, o libro das invasións irlandés, o Celtic de Glasgow ou o Celta de Vigo. Son diferentes manifestacións dunha identidade e dunha vontade de conectarse entre pobos e un océano.

Barbanza e Arousa son un espléndido resumo desta teoría. En Guidoiro Areoso apareceron trazas dos primeiros metais da península, chegados non se sabe ben de onde, a través do mar. En Neixón celebráronse numerosos encontros entre os púnicos mediterráneos e os galaicos. En punta Ostreira, na Pobra, apareceron armas con claras influencias da meseta. E a arte rupestre figurativa da comarca é similar á irlandesa e escocesa do mesmo período. Toda esa interacción de épocas e períodos, ou as influencias do mundo medieval, conforman esta nova visión. Non me digan que non prefiren a estes celtas viaxeiros e un pouco difusos a aqueles dos paquetes de tabaco que fumaban os máis duros do lugar.