Calquer pobrense de trinta e moitos para arriba lembrará nos tempos máis borrosos da súa primeira infancia a presenza cotiá da morte.
Quizais o tacto xélido da pel dunha distante tía ao ser bicada por última vez, mentres os teus pais te observaban atentos, ou un anxiño xa metido nun ataúde branco. Morrer no Hospital de Santiago era unha desgraza, chegado o caso. Así que a morte era unha parte inevitable da vida.
Non direi que aquilo era normal: eu aínda teño a eses mortos vistos de cativo cravados na memoria como nunha peli americana de terror, e por algo sería. Iso si, acabamos convertendo cadaleitos e ofrecidos nunha das marcas da identidade da Pobra do Caramiñal para pasmo de foráneos.
COs tanatorios son un negocio florecente (e necesario) nesta Galicia envellecida, pero o produto que ofrecen non é prato de bo gusto, como se pode ver na polémica recente que hai na Pobra sobre a instalación dun destes servizos en Venecia. A morte, na nosa sociedade, vai camiño de desaparecer, e queremos tratala como algo aséptico e industrial.
Coa lei na man, evitar a instalación do tanatorio non é doado, e os dereitos sonos para todos, veciños e empresarios. Pero tamén penso que o empresario que se dedique a estes servizos tan delicados, debera ter presente tamén que a exquisita e ponderada atención non debe ser só a familiares e defunto, senón tamén ao contorno do negocio, no que neste caso hai residencias da terceira idade e escolas.
A sociedade dificilmente entendería que fose doutro xeito.