Talento comarcal

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

13 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén dubida que Barbanza é unha terra de creadores, especialmente desde o século XX. Eu estou convencido de que hai causas para iso: a posición xeográfica preto dos nós de comunicación, o mar, a riqueza cultural que se preservou ata hai ben pouco, pero tamén, sen dúbida ningunha, o «ambiente».

Cando hai tres creadores é máis fácil que saian outros tres que cando non hai ningún. A cultura barbancesa, ademais, hoxe en día non é só literaria: hai grandes músicos, pero tamén grandes creadores audiovisuais con gañas de abrir portas.

Fun afortunado por traballar nestes meses con equipos de creativos do Barbanza capaces de crear contidos do máximo nivel. Foi durante a produción da exposición Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, que tiven a honra de comisariar para o Consello da Cultura Galega, e que inauguramos en Santiago de Compostela este mesmo martes.

Cos boirenses Toño e Pablo Chouza producimos quince vídeos sobre obxectos da Historia de Galicia. Pezas breves, dun minuto, que están a sorprender nas redes sociais pola calidade e a elegancia da súa execución, así como pola súa proposta divulgativa. E cos rianxeiros Fran X. Rodríguez e Luis Batalla traballamos en catro marabillosas pezas de animación, nas que co seu talento conseguiron dar vida a obxectos tan emblemáticos de Galicia como o sepulcro de Fernán Pérez de Andrade, cadros de Lugrís ou diademas galaicas.

Asegúrolles que o presidente dun pequeno país de tres millóns de habitantes ficou abraiado mirándoos. Orgullo do Barbanza.