Ocatastrazo é unha revisión mal plantexada, que carece das garantías mínimas para ser xusto, e que debería de paralizarse de inmediato, ata que Catastro e o Ministerio de Hacienda deseñen unhas normas de valoración que sexan xustas co rural.
As bases de cálculo para valorar as vivendas do rural están a dar uns indicadores exaxerados, fóra do mercado e da realidade, que suporán un auténtico pau social para as familias a partir do próximo recibo da contribución. De momento a xente do noso rural está a pagar os 60 euros de taxa da revisión catastral, pero sen ser conscientes da que se lle ven enriba. As máis das veces suporá pasar de pagar 100 ou 150 euros pola vivenda tradicional galega situada nunha parcela rústica, a pagar máis de 500 euros, e moitas veces cun recibo extraordinario en concepto de atrasos de máis de mil euros.
Claro que esa información dos futuros recibos non sae na carta que manda o Catastro aos domicilios, só o valor dos bens que se revisan, de maneira que a xente non sabe o que lle supón realmente esa revisión. Se a esta actualización urbana do valor da vivenda lle sumamos a que se está a facer de rústica, pola que se están a dar de alta miles de granxas, naves e galpóns espallados polo rural, aos que se lles asigna valores de ciencia ficción, que non teñen en conta nin o valor real, nin o feito de si se emprazan en concellos de graves problemas socioeconómicos, o cadro pasa a ser preocupante. Familias que viñan liquidando uns cen euros ao ano, poden pasar a pagar cerca de mil sumadas ambas revisións.
Tal e como están o rural e as pensións en Galicia, isto é un disparate que se debería de frear, ata ter unhas bases de cálculo xustas. Mentres tanto, os concellos sen débedas que non estean intervidos ou rescatados por Hacienda poden baixar os coeficientes de cálculo da contribución, e aplicar bonificacións aos profesionais en activo da agricultura. Pero é só un pequeno parche que non pode ocultar a necesidade de procederse a revisar todo o sistema de valoración das vivendas e instalacións do rural, e as necesarias bonificacións e rebaixas a xubilados, familias numerosas, e familias cos seus membros en paro.