BTT

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Unha das cousas que chama a atención dos foráneos é a enorme afección á bicicleta de montaña que temos na comarca. O BTT é o noso deporte preferido, seguido por suposto do cañing despois da partida semanal de futbito no polideportivo e o

churrasquing de primavera. O tema da bici de montaña a min meréceme moitísimo respecto: os pais de familia de Arousa norte dedican as fins de semana a escalar a Curota coas súas carísimas BTT mentres que os seus afofados colegas composteláns afrontan con esaxerada épica excursións pedalísticas ao Pedroso, dondo outeiro ou xentil cómaro que, desde unha perspectiva barbanzónica, poderiamos definir como catro rampas para descargar peixe e por riba sombreadas.

Xa hai miles de anos a xente do Barbanza falaba de cambios Shimano cando en Osaka aínda os estaban debuxando, vestían maillots de supermercados con nome de fontaneiro e conserveiras cando no resto de Galicia crían que o monte só valía para ir coller leña. Os barbanzóns xúntanse a partir dos corenta anos para comprobar que aínda poden producir fariña de xeonllo e sufrir xenerosos dores de cadrís que as súas mulleres lles agradecen os sábados pola noite. Iso si, teñen os pulmóns cheos de aire de panasco e o cerebro desafogado polo deporte.

Esta semana creouse en Boiro un novo club de bicicleta de montaña que vai levar o nome da comarca a competir por todo o país. Seguro que toda esta vella tradición de botarse ao monte sen necesariamente queimar algo ou construír unha pista inútil vai acabar convertendo a comarca nunha marca da que estarmos orgullosos. Máis clubs

de montaña, por favor!