Os acentos

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

12 feb 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Hoxe, durante un xantar co neurobiólogo Xurxo Mariño -unha das mentes científicas máis brillantes que temos no país- falabamos de como a linguaxe se relaciona coa estrutura interna do noso cerebro e como a lingua na que aprendemos a falar condiciona, de algún xeito, a forma na que vemos o mundo. Da gramática, que é o asunto evidente cando falamos da estrutura profunda dunha lingua, acabamos por pasar ao tema dos acentos. Xa saben, eses pequenos sotaques que todos temos e que permiten que os nosos amigos nos poidan imitar nos aniversarios.

Comentáballe eu fascinado como aínda había apenas un par de anos, escoitaba a uns rapaces de Carnota definir -e imitar- con precisión os diferentes acentos das aldeas do concello: sacábanlle o tono a un de San Mamede e esaxeraban as diferencias con outro de Lira. Ti, non acostumado, custábache moito distinguir o que para eles era evidente.

Non lembro tesouro máis grande que ese. Hai non tantos anos no Barbanza a xente sabía distinguir polo xeito de falar a un de Escarabote doutro de Palmeira. O afán diferenciador das comunidades locais galegas chegaba ata eses sofisticados matices.

Esa riqueza desapareceu sen unha triste glosa nun xornal. Hoxendía, se queremos saber como era aquelo, hai que coller o coche e subir ao norte da ría de Muros ou a Carnota. Aí tes unha lingua viva ata convertila na bandeira da túa aldea. A alguén lle parecerá un atraso: debera viaxar un pouco e saber que en Londres ou Nova York énchense espectáculos de humor do West End e Broadway grazas a eses acentos que aquí deixamos escapar.