Entrañables cabalgatas

BARBANZA

08 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Calquera neno ten a súa propia historia de violencia persoal, algúns con episodios anecdóticos e outros cun currículo digno da Corte Penal Internacional. Eu son dos primeiros: só lembro en toda a miña vida dous episodios de violencia física, e ambos teñen algo en común: a cabalgata dos Reis Magos da Pobra. Gustábame moito máis que as que botaban pola televisión: o rei Baltasar ?grazas ás tripulacións dos atuneiros? era negro de verdade e non embetunado coma os das cidades e, ademais, na nosa cabalgata xa se instaurara o costume de bombardear á militancia infante con chuches.

A escena lembraba esas películas nas que un mafioso lanzaba billetes á saída da misa e a xente mataba por collelos. Na Pobra, o rei Melchor guindaba unha nube de sugus e ducias de nenos ansiosos loitabamos entre nós por atrapalos. Participei entregado, coma todos os meus contrincantes, neses Xogos da Fame durante toda a miña infancia. Alí cometín os meus dous actos de violencia. No primeiro, un adversario pisárame o zapato para que non saltara, e eu vingueime propinándolle un bo puñetazo no lombo cando se abaixou a recoller un sugus nunha poza lamenta. Retumbou coma un tambor. 

No segundo, fun eu, aprendido, quen pisei a un avarento avó que abrira o paraugas á inversa para apañar as aéreas dádivas de Gaspar. Aínda é hoxe o día que estou arrepentido. Souben que me fixera maior o ano no que me din conta de que pareciamos pitas do galiñeiro da miña aboa cando lles botaban millo picado. Deixei de ir ás cabalgatas, pero quedoume unha lembranza entrañable.