Non debería chamar a atención o feito de que, partindo xa inicialmente en desvantaxe, a situación da muller no mercado laboral sufriu especialmente a virulencia da crise nos últimos anos. Cunha taxa de paro superior á dos homes, con primacía tamén na temporalidade e na contratación a tempo parcial, a súa situación no mercado laboral dista moito das recomendacións recollidas pola Comisión Europea na Comunicación ao Parlamento Europeo, ao Consello, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións sobre Estratexias para a Igualdade entre mulleres e homes.
A pesares de representar a maioría en todos os niveis educativos e de obteren mellores resultados académicos, na práctica laboral prodúcese unha distribución desigual de mulleres e homes nos distintos sectores da economía; estando altamente presentes en determinadas ocupacións, xeralmente de menor retribución, e practicamente excluídas de outras. Se botamos unha ollada á súa distribución na comarca, a presenza das mulleres vese reducida a guetos laborais moi concretos, tal e como recolle o Instituto Galego das Cualificacións, e que se limitan a ocupacións como vendedoras en tendas, traballadoras das industrias do peixe ou persoal de limpeza. Pola contra, a súa presenza en postos de responsabilidade é apenas testemuñal.
Non cabe dúbida de que o chamado imposto reprodutivo, mal endémico da carreira profesional feminina, xunto coa necesidade de ter que conciliar vida familiar e laboral, é unha das causas desta situación. A muller non só debe renunciar a desenvolverse profesionalmente en condicións de igualdade, senón que tamén debe asumir unha merma económica no presente -menor salario- e no futuro -menores pensións.
Nos últimos tempos establecéronse unha serie de medidas, nomeadamente bonificacións para favorecer a contratación de mulleres; non obstante, mentres non se implementen medidas reais que rematen con sistemas de selección e promoción de persoal subxectivos, cos patróns de cultura empresarial masculinos ou con teitos de cristal que impiden o acceso das mulleres a postos de responsabilidade, non se acadará unha igualdade plena no acceso e na promoción no traballo.