A importancia do marco

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

03 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Só os pintores máis vangardistas lle quitan o marco ás súas obras, ou aínda pintan fóra dos límites do lenzo, na parede, negándose a acotar o espazo. Pero, por moito que as tendencias dos creadores vaia polo camiño da pura desnudez da obra, para amosala tal e como ela é, sen atributos superfluos, os feitos demóstrannos que o marco, o entorno ou o escenario dálle un valor engadido á creación artística.

A pregunta vén sendo como se aprecia mellor a arte, se é mellor unha obra de teatro no ampuloso Teatro Real de Madrid ou na sala improvisada dunha asociación cultural de presuposto mendicado. Ou dito doutra forma: ¿é mellor unha obra pola que temos que pagar un billete morado ou aquela na que nos pasan a gorra ó final?. En xeral ¿a cal se lle dá máis creto?.

Hai uns anos, no 2007, nunha céntrica estación do metro de Washington, apostouse un tipo en camiseta e vaqueiros, cunha gorra pousada no chan, sacou de violín e púxose a tocar. Non o facía mal, pero músicos así hai centos por todas partes e os transeúntes tiñan máis que facer ca parar a escoitalo. Algún podía arroxar unha moeda naquela gorra, e ata puido haber quen virou a cabeza cara el porque o son da música lle fose recoñecido, pero non se paraban. Só un neno tirou da man de súa nai para escoitalo, pero a nai impuxo a súa opinión e a súa autoridade para seguir camiño. Seguramente se houbese tres miróns fronte ó músico, a nai accedería a formar parte do escaso público durante un anaquiño. Pero o violinista pasou desapercibido a pesar de que interpretaba a Chaconne de Bach, unha das pezas máis fermosas da música para violín, e cun virtuosismo poucas veces visto e oído, e tamén a pesares de que o instrumento usado naquela interpretación era un Stradivarius. Pero o máis curioso é que, por escoitar esa mesma música e a ese mesmo intérprete con ese mesmo violín, moitos dos que por alí pasaban pagaron uns días antes arredor de cen dólares nun dos máis afamados teatros da capital americana, pois que o músico era Joshua Bell, quen está considerado como un dos mellores, senón o mellor violinista do mundo.