O emprego do dominio de Internet .gal colle pulo

Xoán R. Alvite MAZARICOS / LA VOZ

BARBANZA

As páxinas web dos concellos de Ribeira, Rianxo e Mazaricos son ás primeiras ás que pode accederse coa dirección galega

28 dic 2014 . Actualizado a las 10:17 h.

O dominio .gal empeza a estenderse polo territorio barbanzancés. Apenas tres meses despois de que a Asociación PuntoGal -promotora da petición do identificador web propio de Galicia- abrise a posibilidade de que Administracións públicas e marcas comerciais solicitasen o seu propio dominio xa empezan a verse pola rede os primeiros exemplos de enderezos co sufixo .gal.

É o caso dos concellos de Ribeira, Mazaricos ou Rianxo, os primeiros da comarca aos que xa se pode acceder a través da Internet tecleando a súa denominación oficial na rede coa nova extensión .gal. Ben é certo que, ata o momento, a dirección galega simplemente é un enlace ao enderezo que xa existía, aínda que en casos coma o mazaricano ou o rianxeiro esta circunstancia é puntual e, tal e como apuntan dende os propios concellos, a nova dirección será a predominante en breve na barra de enderezo dos distintos navegadores web.

«O cambio de dominio trae consigo outras modificacións técnicas na propia web que levan algo máis de tempo. En calquera caso, tanto o antigo como o novo .gal traerán ao internauta á páxina sen ningún problema», apunta Fernando Rial, informático de Mazaricos, que se felicita polo feito de que Galicia conte finalmente cun identificador de seu na Internet. «A consecución deste dominio propio de Galicia é unha forma moi importante de darlle presenza non só á lingua e á cultura galega, senón tamén ás empresas e institucións de aquí», apunta este técnico que recoñece que o feito de estar presente en todo o vinculado coas novas tecnoloxías resulta imprescindible para garantir o futuro e manter viva a identidade dun pobo.

Entidades sociais

Non só os concellos apostaron polo dominio que representa no mundo virtual ao idioma e a cultura galega, senón que outras entidades sociais e culturais da bisbarra tamén se decidiron por adoptar esta innovación na Internet. É o caso da Asociación Monte Pindo Parque Natural (www.montepindo.gal), que dende fai un par de semanas opera na Rede co novo dominio. Precisamente a súa directiva publicou un comunicado onde informa deste cambio de denominación e felicitan á Asociación PuntoGal pola consecución deste identificador en galego «onde se certifica a vitoria dunha loita incansable de oito anos que só podía acabar cun final feliz».

Pelexa esta na que tivo un papel fundamental o mazaricano Manuel González, que dende o ano 2006 foi a cabeza visible da entidade que tramitou perante a ICANN, siglas en inglés coas que se coñece ao organismo internacional encargado da autorización e recoñecemento de todos os dominios en Internet, a concesión dun dominio específico para Galicia. Para este lingüista, a consecución desde obxectivo é un logro importante para a supervivencia de todo o relacionado coa cultura galega. «Parece evidente que quen non consiga estar no mundo dixital vai ter complicado sobrevivir. Dentro de nada, quen non estea na Internet vai ser coma se non existise. Coa cultura e co idioma sucede o mesmo. Co dominio .gal conseguiremos a visibilidade que teñen as linguas e culturas modernas e daremos un paso máis para a nosa permanencia futura», sinala ao tempo que agradece a colaboración dos que apostaron por dun indicador propiamente galego.