Chévere e Promove montaron unha función e un coloquio para mulleres
25 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Non é habitual que unha compañía de teatro profesional converta a horta dunha vivenda particular no seu escenario, pero hai uns días ocorreu en Esteiro, no xardín de Manolo do Curro. Varios actores de Chévere desprazáronse ata a aldea de Solleiros para presentar, diante dun público integrado case en exclusiva por mulleres, o espectáculo As fillas bravas, protagonizado por tres galegas do rural que cantan e contan historias, todas elas relacionadas co mundo feminino.
A parada que Chévere fixo en Esteiro non foi casual. Nin moito menos. A súa organización correu a cargo da empresa Promove, dirixida por Fátima Rodríguez, unha veciña de Muros que ata hai pouco exercía de xerente da mancomunidade Arousa Norte. Ela e o seu equipo, formado por sete traballadoras, quixeron deste xeito recoñecer o valor da muller rural, fundamentalmente no que á transmisión da cultura se refire.
Pero Promove tamén pretendía, e conseguiuno, descentralizar a cultura das cidades e vilas, chegando a unha pequena aldea; ao tempo que aproveitaba unha proposta lúdica para transmitir valores en materia de igualdade e recoñecemento da muller. De feito, a función tratou sobre temas coma os dereitos do colectivo feminino, a desigualdade e os malos tratos, eixos que pilotaron o coloquio que levou a cabo despois da representación, nun ton distendido, ao redor dunha mesa chea de manxares preparados polas veciñas de Esteiro que foron convidadas a este encontro.
Experiencia piloto
Alí, onde coincidiron mulleres representativas de distintas xeracións, os pasos que se deron en cuestións como a liberdade ou a corresponsabilidade propiciaron unha amena conversa entre empanadas, tortillas e doces. A experiencia, coa que Promove quería tamén explorar outros modelos de desenvolvemento turístico no eido rural, foi valorada de xeito moi positivo por todos os presentes; tanto que, algúns puxeron enriba da mesa a posibilidade de que pasara a ter unha periodicidade mensual.
Pero a idea de Fátima Rodríguez non é que se quede nunha acción esporádica. Ela pretende converter a función de Chévere e o debate posterior nunha ferramenta de traballo que chegue ás novas xeracións. Entre as posibilidades que baralla está a de levar esta representacións aos institutos galegos, acompañándoa da unidade didáctica correspondente.