Sacou xa ten herdeiros

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Manuel L. Rodrigues é o impulso da nova entidade.<span lang= es-es > </span>
Manuel L. Rodrigues é o impulso da nova entidade. marcos creo< / span>

A Lanzadeira de Alcor irrompe en Noia coa cultura como bandeira

23 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O colectivo Sacou foi no pasado un referente en materia de promoción da cultura. E non só a nivel comarcal, senón que a sona de boa parte dos actos que organizou a entidade traspasaron as fronteiras de Barbanza. Tal foi a pegada que deixou que aínda hoxe son moitos os que lembran a revista A caramuxa, as tertulias ou as xornadas en defensa da cultura galega que fixeron que en Noia recalasen intelectuais da talla de Méndez Ferrín ou Carlos Casares. Pois ben, a espera polo seu rexurdimento rematou, porque ven de irromper en Noia A Lanzadeira de Alcor.

Son precisamente algúns dos mozos que, hai xa máis dunha década, se unían coa literatura como punto de encontro para darlle forma a Sacou os que agora decidiron fundar esta nova entidade que pretende servir de lanzadeira para as novas estrelas que como Alcor, que forma parte da Osa Maior, fican á espera no firmamento barbancés.

Ao igual que daquela, á cabeza deste grupo de apaixonados pola cultura está o poeta Manuel L. Rodrigues. O certo é que, aínda trala morte de Sacou, el seguiu organizando actividades. Coa colaboración de antigos colegas da asociación puxo en marcha a editorial Acha Escrava, paraugas que, ademais de para a edición de libros, empregaba para organizar diversos actos. Un dos últimos foi un exitoso encontro de poetas que se celebrou na casa de cultura Avilés de Taramancos no pasado mes de agosto.

Xa daquela se palpaba que había gañas de que, de algún xeito, Sacou revivira: «Estábanse organizando actos en nome de Acha Escrava que ían máis alá das presentacións dos libros publicados pola firma e considerei que non era correcto, que o mellor era poñer en marcha unha entidade específica para este tipo de propostas culturais», explica Rodrigues.

Un colectivo aberto

E foi así, sempre coa inestimable axuda dos que ao longo de todo este tempo percorreron con el a senda que abrira Sacou, o poeta creou A Lanzadeira de Alcor: «Non é unha asociación en estrito senso, pois non ten estrutura como tal de presidente e socios, pero si que é un grupo aberto a toda aquela persoa que queira participar propoñendo accións, dando a coñecer o seu traballo ou mesmo organizando actos».

Manuel L. Rodrigues afirma con rotundidade que se trata dunha herdanza en toda regra: «Queremos coller o relevo do colectivo Sacou en serio, cunha programación estable». De feito, aínda que polo de agora está en fase de creación, A Lanzadeira de Alcor ten prevista a súa posta de longo para xaneiro. A partir de entón, haberá en Barbanza un novo colectivo dedicado a espallar a cultura mediante a organización de presentacións de libros, exposicións e encontros de escritores.

A irrupción deste grupo fillo de Sacou non influirá en Acha Escrava, editorial que seguirá o seu camiño. De feito, a idea é incluso darlle un novo pulo cao edición de varias publicacións que xa están sobre a mesa de Manuel L. Rodrigues. El considera que tanto esta firma como A Lanzadeira poden considerarse herdeiros de Sacou, pois as dúas beben das mesmas fontes que hai máis de dez anos levaron a un grupo de estudantes do Virxe do Mar a unir forzas para traballar pola cultura.