O escritor presentou a novela «Verde oliva» baseada na Revolución
28 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Cunha mesa de ilustres da literatura galega actual como Víctor Freixanes e Xavier Alcalá, acompañados polos membros da Asociación Cultural Barbantia Xerardo Agrafoxo e María Xesús Blanco, a entidade compareceu en Boiro para cumprir co acto mensual que dende a súa fundación ven desenvolvendo cada último venres. E no de outubro, que coincidía coa publicación do suplemento número 78 A Voz de Barbantia, Alcalá foi o epicentro na galería Sargadelos, el e a súa novela Verde oliva, baseada na vida dunha muller galega que acabou sendo axente tripla na revolución cubana.
Freixanes, en calidade de editor de Galaxia, deixou constancia de que as súas opinións non eran moi válidas, por subxectivas, primeiro, por ser o editor da novela; segundo, pola amizade que ten con Xavier Alcalá; e terceiro, porque leu todas as obras do que cualificou «un dos grandes escritores» galegos, co que comparte esa mesma condición e a de columnista de La Voz de Galicia.
O responsable de Galaxia tivo palabras de recoñecemento e agradecemento para a Asociación Cultural Barbantia, coa que dixo que se atopa a gusto sempre que acode aos seus actos, e que considera un exemplo para manter viva a creación literaria e a lingua galega.
Xavier Alcalá, respondendo ás preguntas que lle foron formulando os dous integrantes de Barbantia e mesmo o editor da novela, foi falando da protagonista, Mariana, muller que existe en realidade e que reside en Cuba. O escritor explicou que a coñeceu de casualidade pensando que era unha emigrante galega máis na illa caribeña, ata que lle contou que participou na revolución para derrocar a Batista.
Historia real
A heroína na historia real na que está baseada Verde oliva non naceu en Cuba, senón ma Mariña lucense, e forma parte dunha familia que se asentara no país antes de que ela marchase para alá, cousa que fixo cando tiña 14 anos. Unha vez na illa, involúcrase na loita polas liberdades, formando parte da espionaxe e exercendo ata unha tripla papel de axente que puxo en risco a súa vida nun ambiente de guerra que non lle era alleo, porque viña de España onde puidera ver de cerca os tiroteos coa resistencia e o maquis que se producían na fronteira entre Galicia e Asturias.
Freixanes amosouse admirado coa novela de Xavier Alcalá, ao que lle preguntou si había algo de ficción nela, respondendo o autor que non, que está baseada na apaixonante vida de Mariana, a obra incluso contén unha carta escrita pola protagonista dirixida a Fidel Castro de onde sae o título, pois dille que entre os actuais gobernantes e os anteriores só hai a diferenza do uniforme verde oliva.
O autor, que demostrou ser un experto coñecedor da historia de Cuba e da súa revolución, explicou que Manuel Fraga lle dera opinións sobre a forma de vida na illa e como encaixan os gobernantes as investigacións e relatos baseados no proceso. O propio Alcalá foi convidado a marchar e non volver á illa.