O meu amigo Afonso, que se afeccionou a pescar no mar da ría, agora perde horas e horas nos cantís da Costa da Morte, coa súa cana en tensión e a cámara do teléfono móbil disposta para certificar as súas capturas. Onte amosoume o retrato dun sanmartiño de non sei cantos quilos, que ten no conxelador esperando unha merecida oportunidade para gozalo. Non me pareceu unha boa decisión, pero non me atrevín a dicirllo, mais, chegando pola taberna un amigo común, despois de ver a foto exclamou: «Que mágoa», e todos, incluso el, o entendemos. Afonso é do interior e non sabe que ós tres días de conxelador ese peixe xa perde todo o valor que tiña cando saíu do mar, pero cousas como esta pásannos a todos.
Debe ser que ultimamente hai poucos motivos de celebración, que se van adiando as oportunidades e os manxares reservados bótanse a perder.
Nalgún tempo tamén eu atesourei botellas de viño, agardando un bo motivo para degustalas, pero cada vez que aparecía unha ocasión de escanciar, pensaba que outra mellor había vir para abrir tan excelso caldo. Todas as ocasións me parecían pequenas, e ó final aquelas miñas botellas, agardando o momento idóneo, acabaron no vertedoiro por inservibles. Creo que estamos moi afeitos a aquela máxima de nosas avoas, de gardar das risas para as choras.
Esas excelsas reservas, recollidas tras unha vitrina, tamén as tiven a dez centímetros do meu nariz na casa dun amigo, que garda a súa colección para ensinarlla ás visitas como outros ensinan a colección de selos mozambicanos. Este amigo comentoume a moita satisfacción que sentía cando levaba ás visitas á súa adega e lles ensinaba os estantes cheos de botellas de todas as partes, e de todas as idades, deixándoos coa boca aberta, para invitalos logo a tomar, nunhas cuncas de barro, do barrantes que garda nun bidón de aceiro inoxidable. Como o barrantes é un dos meus viños preferidos, ríome cando alguén mo critica, confundindo o que ven os ollos co que pode resultar no padal, e tranquilízoo, que neses viños da exposición, o único de valor é a etiqueta, pois son tan vellos que xa perderon buqué, e aínda que estean en vidro illante e opaco, tamén teñen data de conservación.
Cando o bodegueiro escoitou esta maledicencia, esperou á seguinte visita para poñernos diante unha copa de cristal, e con todo o orgullo de que era capaz, botou man dun daqueles caldos protexidos da luz e mantidos durante anos a unha temperatura o máis estable posible, procurando non mover moito a botella, ofreceunos á vista a etiqueta co ano da colleita ben estampado, os primeiros anos da década dos setenta. Pousouna na mesa para que fose repousando mentres cortaba anacos dun queixo manchego e uns chourizos leoneses para acompañalo; abriuno con todo o coidado do mundo porque o tapón de cortiza desfacíase coma fariña, e dispúxose a escancialo lentamente, para que se vaia osixenando -dicía- antes de servilo.
Certamente, o ritual da apertura prolongouse por máis de vinte minutos, pero cando o vimos na xerra decantadora, xa lle notamos unha cor marrón. «É que é vello», dixo el, mentres o pasaba ás copas. E nelas quedou.