Pluto e a riqueza

BARBANZA

Tras xacer nun campo recén arado, sobre a terra húmida e fría do inverno, Demeter pariu a Pluto, fillo do amor e da ilusión. E o cativo non tardou en converterse nun semideus símbolo da riqueza, a quen se invocaba antes de abrir un negocio, encetar un novo labor ou emprender algunha empresa, para que non falten as moedas na bolsa, polo que os imaxineiros decidiron amosalo como o neno gordecho e repoludo que frutifica a unión sexual; pero cando os mitólogos entenderon que con el tamén podían amosar unha verdade absoluta sobre o concepto do poder e da solvencia económica, as súas dificultades e os seus traballos, acabaron por convertelo nun vello de paso lento cando vén, pero veloz cando se vai. Por dicilo doutro xeito, os primeiros artistas vían na fortuna unha sorte que chega por herdanza e os outros o froito dun traballo longo e prolongado, que se pode perder nun instante.

Con esta segunda interpretación recoñecen moitos paisanos a riqueza que tarda unha vida en conseguirse, aínda que toda a ganancia se resuma nunha pensión mellor ou peor pagada e unha casa con calefacción para quentar os ósos da vellez; e unha vez acadada, ou non hai tempo para disfrutala ou pérdese nun santiamén. Pluto, se fose santo, podía ser o patrón dos emigrantes, dos expatriados económicos, dos loitadores e dos emprendedores que nunca acadan unha cadeira na que repousar, preocupados porque a espiral da vida unhas veces trae a tranquilidade e outras a necesidade de sacrificar os aforros.

E mentres o vello descansa a mirar a posta do sol, o moderno Pluto, representado polo neno repoludo e ben mantido, pode ser agora o candidato a deportista de elite ou príncipe do cuché, que merca vontades e é aplaudido pola masa por ser portada de quiosco, por levar traxe regalado e amante coroada. Plutiño pode ser un mozo alto e atlético ou un cabaleiro de voz amaneirada, que vai ó ximnasio para que as máquinas se esforcen por el, e tamén cobra dietas para que o votante pague por el. Plutiño acostuma xogar ás casiñas en pazos escudados por cámaras que dan a seguridade que non pode dar a estirpe; e vive sen medo a ter fillos a moreas porque todos cobran da casa do avó. É un crío endeusado que foxe do barro das leiras para abrazar á súa amante en leito de seda. Este Pluto dálle nome á plutocracia. Guapo e tan pillo, que nun ano fai a fortuna que toda unha familia numerosa non foi capaz de acadar nunha vida de escravitude en terra estranxeira.

Ó moderno Plutiño non lle fai falta mercar nada porque todo llo regalan, non anda con cartos na carteira porque ata o chofer lle presta con cargo ó erario público, o necesario para pagar calquera capricho. E cando a desgraza se lle pon de cara, o moderno Pluto aguanta estoicamente, chóralle a papá porque ninguén o entende, merca titulares, gaña eleccións proclamando que todo é froito da envexa, queda exento de declarar por ser fillo, marido, ou xenro de quen é, e ata poden aparecer papeis perdidos que o exculpan e culpan a un inocente que se preste a taparlle as vergoñas.

Con estas mañas, a mesmísima deusa da agricultura, a nai da natureza, renunciaría do seu fillo.