Tras actuar en escenarios de todo o país, Somoza sempre volve á súa vila
18 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Naceu en Rianxo, pero aos tres anos mudouse a A Coruña. Cando tivo certa independencia, Roberto Somoza volveu para a súa vila natal, á que considera «un sitio especial». Colaborou coa súa música en diversos programas de televisión e, actualmente, imparte clases de jazz no conservatorio de A Coruña. Recentemente, sacou o disco Standars & Ballands. Mañá dará un concerto con Jacobo de Miguel Cuarteto no Festival de Jazz de Oviedo.
-¿Como comezou a tocar?
-Non o sei moi ben. Meu irmán e meu tío tocaban a trompeta. Eu empecei a tocar con 8 anos o clarinete, pero non me gustaba moito. Con 14 anos comecei co saxofón que era o instrumento que sempre quixera tocar e ata hoxe. Non concibiría a vida sen el.
-Ademais de tocar, escribe música, ¿como se fai?
-A música ten que estar na túa cabeza. Hai unha serie de ferramentas como a harmonía, composición ou análise que se usan para extraer a música da cabeza e plasmala no papel.
-¿As colaboracións en televisión fan que un maior número de persoas coñezan a súa música?
-A nivel de público, abre portas, pero eu son dos que pensa que o público non é o que importa. Para min o máis importante é a música. Apórtame máis tocar no auditorio de Rianxo que en calquera televisión.
-Traballa con músicos moi variados, ¿é fácil deixar a un lado o jazz?
-Sempre parto do jazz. Eu adáptome a tocar todos os estilos nos que me invitan a participar, pero sempre partindo dunha base jazzística. Cando toquei con Susana Seivane, por exemplo, eu intentaba adaptarme na medida do posible.
-¿Que lle supón Rianxo?
-Con tocar aquí confórmome. Teño un síndrome moi raro. Cando estou fóra estou moi ben, pero sempre estou pensando en volver. Eu son un músico de traballar na casa. Tocar no auditorio de Rianxo é como estar no salón da casa cos amigos, podes deterte e explicar de que van os temas.
-Falando do auditorio, a principios de mes presentou aquí o seu traballo «Yellow», ¿como foi a experiencia?
-Saíu todo moi ben. É un sitio moi especial para tocar. Debido ao mal tempo que fixo, non asistiu toda xente que quixéramos. Xa representáramos aquí o ano pasado o relato de Quinito Mourelle O jazz na banda no que se implicaron todos os rapaces do auditorio.
-¿É sinxelo darse a coñecer?
-Galicia ten un problema coa exportación de música. Tecnicamente queda todo aquí. Non hai unha verdadeira empresa que se encargue da difusión da cultura. Os traballos editados en Barcelona teñen cinco veces máis éxito que os de aquí, e non falemos de Estados Unidos.
Roberto somoza Músico de jazz, saxofonista, compositor e arreglista
«A televisión abre portas a nivel de público, pero para min o importante é a música»