Lendo para evadirse

BARBANZA

11 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Miraba Moncho sobre a toalla de praia un xornal deportivo para evadirse do cotián, cando un veciño protexido con gafas de sol e sombreiro de palla lle espetou sen mediar saúdo: «A eses, había que convertelos en escombro».

Pensou Moncho que lle falaba dalgún deses edificios que unha hora antes do ocaso xa deixan a praia en sombra, deses que, xa temos o verán que temos e aínda nos quitan horas de sol, e por aquilo de levar a broma díxolle que si, que había que arrasalos e... Non quixo oír máis o tipo aquel. Xa tiña oínte para o seu discurso e entón, baixándose á súa altura, empezou a latricar co de que se a alguén se lle ocorre dicir que sería hixiénico queimar a roupa da temporada anterior para fomentar e avivar a cotización en Bolsa de Adolfo Domínguez e Inditex, seguro que os concellos máis populistas se animaban a acender fogueiras públicas polo ben do mercado téxtil.

Moncho, que nese intre estaba lendo o dun adestrador que anda metendo o dedo onde non debe, deulle a razón por educación, e daquela o falador veraneante continuou co seu discurso: «Se á miña amiga Marica se lle ocorre renovar o mobiliario da súa casa, porque xa lle ten cinco anos e está aburrida del, o gremio de carpinteiros é capaz de poñerlle unha placa de agradecemento por animar ó consumo, mentres as veciñas a criticarán por lofa». Apenas dixo Moncho que iso é tanto como ver un penalti polos seareiros dun ou doutro equipo, e xa lle expuxo o praieiro falador como, se un banco de súpeto anuncia que por acadar tan só mil millóns de beneficio está en crise, tómase por unha desgraza nacional, cando á vista do que levamos aprendido duns anos para acá, o mellor que nos podería pasar sería que rebentasen todos e se abrisen novas entidades, onde quen impoña as normas do mercado sexa o cliente, que tamén é quen deposita os seus aforros neles, e polo tanto que sexa el, o cliente, quen fixe o pago de comisións, xuros, hipotecas e outros ladruízos que nos cargan por deixar alí a nómina e todos os gastos do mes.

Moncho escoitou con educación, pero hoxe só está para gozar da praia sen discutir por nada, e intentou zafarse dicíndolle que si, que estaba moi ben todo iso, pero as cousas non deben ser tan doadas como parece, e que el non entende de economía. O homiño aquel entón pareceu ofenderse -así nos vai- e erguéndose preguntoulle con voz que se escoitase en toda a praia, que era daquela o que miraba no xornal, porque para saber que a Duquesa vai casar cun tipo que só anda con ela polos cartos non fai falta mercar ningún periódico, para saber que o Papa de Roma é o único gobernante que ten súbditos e contribuíntes en case todos os países do mundo tampouco, e para saber que só en cuestións de pasta que afectan negativamente ós beneficios sociais da masa son capaces de unirse os dous partidos maioritarios, sobra perder o tempo con ningunha lectura.

Ten razón -dixo Moncho erguéndose e botándose a nadar máis aló da súa cala..