Os nenos volverán a deixar a súa pegada en San Roque

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A vaga de lumes que afectou á comarca de Barbanza no 2006 propiciou que o Concello de Ribeira puxera en marcha unha iniciativa de carácter educativo e ambiental, involucrando aos escolares do municipio. Baixo o lema A túa pegada en San Roque, o que se fixo foi convidar aos estudantes a que contribuíran na repoboación do monte no entorno do parque periurbano. Este ano, o plan acadará a súa cuarta edición.

Foi o concelleiro de Turismo, Vicente García, o que onte deu a coñecer as características desta actividade, axudado polos técnicos Sandra Fernández e Mario Vidal. Anunciou que está previsto que uns 350 nenos dos once colexios públicos e concertados existentes no municipio de Ribeira se sumen a esta experiencia ao longo de trece xornadas.

Unha vez no parque de San Roque, os alumnos non só colaborarán coas tarefas de repoboación, senón que terán ocasión de levar a cabo distintas actividades. De feito, o día comezará para cada grupo de visitantes cunha breve introdución, na que se explicarán os obxectivos da experiencia. Logo, os escolares farán unha visita guiada pola exposición arqueolóxica que de forma permanente se exhibe no centro de Interpretación: Megalitismo, Idade de bronce e Idade de ferro.

Formación e ocio

Despois da plantación de árbores autóctonas, os participantes terán ocasión de coñecer as especies das zonas verdes de San Roque co apoio de guías e cadernos deseñados especificamente para estas visitas de carácter didáctico. Xogos e cancións poñerán a nota lúdica a estas visitas que os estudantes dos centros de Ribeira farán entre as 9.30 e as 13.30 horas.

Vicente García destacou que, o que se pretende desde o Concello con este proxecto é «acadar obxectivos que mesturan formación, educación, cultura e ocio». O concelleiro fixo fincapé en que, ademais de reforestar o monte queimado, a experiencia persegue «recuperar e promocionar o patrimonio artístico, histórico, cultural e natural». Nas anteriores fases de A túa pegada en San Roque participaron máis dun milleiro de rapaces, cifra que o Concello confía en que se vaia ampliando en vindeiras edicións.