Abofé


Cóntolles. A caixa daquela lata, tipo pandeireta, poñía por fóra «Pulpo a la gallega», serigrafiando uns raxos coma os da feira do polbo de Porto do Son. Aínda que a marca comercializadora era mediterránea, como estaba enlatada nunha fábrica pontevedresa deunos confianza. Problema, o contido era potón do Pacífico.

Outra. Iamos de volta de Galicia e paramos en Cea a mercar uns pans para nós e tamén para agasallar. Cando o saboreo, as miñas expertas glándulas salivares dinme que non. Indago e descubro que se trata de pan mesto de centeo con fariña triga de Navarra. Algo semellante pasa nun establecemento pobrense. E así poderiamos seguir, como cando mercas mexillóns en fresco coa denominación de orixe «Rías galegas» e non son.

Prestixiosas grandes superficies anuncian unha masiva aterraxe en Galicia. Iso, a priori, non é malo, pero non será bo cando nos saturen os andeis con mercadorías foráneas de baixa calidade producidas intensivamente, desvalorizando, por descoñecemento dos consumidores, as exquisiceteces que aínda podemos topar nos nosos mercados tradicionais a prezos máis que razoables. Agora ben, ¿como protexer que os gandeiros de Mazaricos, poño por caso, sigan producindo boa vitela con denominación de orixe, cando entren en competencia con becerros do Bierzo engordados artificialmente?. Pois ben, entendo eu que aquí é onde a Xunta xoga un papel fundamental promocionando os nosos produtos promocionables e tamén vixiar e sancionar fraudes coma os que apunto.

Crer en Galicia é moito máis que un acto de fe. É investir, formar e mentalizar a mocidade de que aquí hai futuro e publicitar, institucionalmente, que os bos produtos de noso agro son coma os bos produtos das nosas rías. Non deberiamos ser cómplices das industrias alimentarias que reciben inxentes cantidades de fondos públicos para, por enriba, desprestixiarnos. Os postos de traballo do sector primario non serán estables e sostibles «fabricando» salmóns.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Abofé