Despois de catro anos de parón musical, unha das bandas punteiras do rock barbancés, A Compañía do Ruído, reaparece, e faino por todo o alto, cun novo traballo discográfico que leva por título O punkchi punkchi. A reaparición oficial do grupo terá lugar o sábado da vindeira semana, no marco da Festa da Chuvia de Ribeira.
A volta aos escenarios da banda liderada polo incombustible Suso Bello prodúcese case unha década despois da creación do grupo, que iniciou a súa andaina no 2002. No seu primeiro lustro de vida, A Compañía gravou tres discos e espallou a súa música por toda España, chegando a sumar ata unha ducia de músicos. No 2007, boa parte deles embárcanse en novos proxectos, dous dos cales van a seguir vixentes. Trátase dos Chiquilicuatres, unha formación que ten dous cedés editados e que está especializada no eido do espectáculo circense; e na charanga Os Jalochos.
A Compañía, pola súa banda, seguirá coa liña de tempos pasados, especializada en música festiva, tanto rápida como melódica. Iso si, Suso Bello explicou que, nesta nova etapa, recuperará o ton pop e rock: «Queremos facer temas con forza, combinando o punk de Bastantes Llon co son melódico da Compañía».
Na rúa, en maio
Para levar a cabo este proxecto musical, Suso Bello mantén boa parte da formación anterior, en concreto, a Carlos, Suso, Sabela, Fernando e Juancho Rivas; pero introduce a maiores novas caras, as do contrabaixista Pablo, do tuba Ismael e do batería Chinchín. Eles forman o equipo responsable dun traballo que inclúe seis temas e dous vídeos, que estará na rúa a comezos do mes de maio.
Todos os temas que se inclúen no Punkchi punkchi están asinados pola Compañía, aínda que hai un, O currante, que o grupo decidiu recuperar do repertorio de Bastantes Llon. Ademais, esta canción preséntase no cedé dun xeito especial: «O grupo Capela Lauda Sion fai unha versión gospel», explicou Bello.
A intención da banda ribeirense é, despois da Festa da Chuvia, «botarse á estrada». O grupo pretende percorrer Galicia no verán, cunha xira de entre 15 e 20 concertos, como mínimo. Polo de agora, ademais da actuación en Santa Uxía, xa se sabe que A Compañía estará no Currala Rock de Corrubedo, o vindeiro día 21, e en Salceda. Tamén hai contactos en marcha para tocar na Ascensión de Santiago.
O que está claro é que o Punkchi punkchi soará con forza este verán e de seguro que vai animar máis dunha festa e garantirá a diversión.