A impotencia

Ambrosio Casenada

BARBANZA

01 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Din que o poder, a efectos de quen o ten, nunca foi alá moi cómodo. Arriscarse a vivir da imposición dos abusos e inxustizas arreo, velas e permitir que se cometan a eito, mentres un no se acostuma, se non lle ven dende o berce ao senso do poderío, non deixa durmir tranquilo -pensan del quen non o teñen-, porque as pústulas que provoca, cando o poder non é totalmente cego, mentres non curan, e aínda sendo doutros, sempre irritan na conciencia. Non entro en cando o poder é cego. Pero, ¿que hai da impotencia? ¿Que do martirio miúdo, sen ter que entrar no tremendo?.

Imaxinemos a un neno que leva unha labazada, sen que saiba de que nin como ven dada, pero que ven dun xigante; entremos no seu pelexo. Ou, se non, se este nos ven pequeno, entremos no de Manolo, á quen onte despediron do traballo, despois levar tres meses -un por fillo- sen cobrar unha cadela e ao que, os do xulgado, hoxe mesmo lle dixeron que, pois que xa estaba na calle, tiña que saír da casa por non pagar a hipoteca. Así estaba estipulado e non lle daban máis prazo. Máis, por se nos quedase ancho o pelexo de Manolo, entremos no de María, á quen violou o amo -por certo, xuíz de 70 anos e de 14 María-, porque esta mostroulle as pernas, case ata arriba, cando colgaba as cortinas do salón. ¿E quen é que non sufra un esvarón na súa vida? Certo que só son cousas miúdas, de case tódolos días, pero que nos metan nunha guerra e que teñamos que oír que as bombas son un regalo ós habitantes de Libia? Isto é demasiado.