«O rock é máis efectivo que os discursos políticos»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

En Ribeira é de sobra coñecido, tanto polo seu pasado como Heredeiro da Crus como pola súa etapa á fronte de Jabon Blue pero, desde hai un tempo, o nome de Javi Maneiro soa a nivel Galicia. O motivo, a participación do seu grupo na campaña Libre e Alcol, Libre de Preocupacións 2011, coa que a Dirección Xeral de Xuventude pretende sensibilizar á mocidade dos perigos que conleva mesturar a bebida coa condución. Esta iniciativa permitiulle ao músico ribeirense promocionar a canción que lle da nome ao último traballo discográfico da súa banda, Flores en la carretera, gravando incluso un videoclip.

-¿Como se xestou a participación de Jabon Blue nesta campaña da Xunta?

-Todo xurdiu o ano pasado, cando actuamos na Festa da Xuventude de Ribeira. Eu sabía da existencia da campaña Libre, na que por aquel momento estaban a participar orquestras e, despois de escoitar o discurso político do director xeral de Xuventude, no que falaba da súa intención de apoiar aos grupos locais, díxenlle que eu tiña unha canción que lle ía gustar. Metino nun coche, púxenlla e flipou.

-¿Que ten esa canción de especial que estaba tan convencido de que lle ía gustar ao director xeral?

-Porque a canción fala precisamente dunha morte na carretera. O videoclip narra como un mozo contempla o seu propio enterro despois de ser convencido por una amigos para que tome unhas copas, aínda que era a el ao que lle tocaba non beber. Ao final, quedan só unhas flores enriba da estrada.

-¿De quen foi a idea de gravar este vídeo en Ribeira?

-Miña, eu quería que todo se fixera aquí, en escenarios como a autovía e Corrubedo, e que se montara un escalextric. Tamén esta idea gustou e déronme vía libre para levala a cabo.

-A presentación fíxose na sala Capitol e con moito éxito...

-Pois teño que recoñecer que foi así, xa que non só conseguimos encher aforo, algo que é bastante complicado, senón que houbo persoas que non lograron chegar a entrar.

-¿Que balance fai do período posterior ao lanzamento da campaña?

-Para o grupo, é un balance tremendamente positivo pola promoción que tivemos, xa que nos abriu as portas a nivel Galicia. No referente á campaña, penso que é unha boa forma de chegar á mocidade. Penso que o rock é máis efectivo que os discursos dos políticos, que as nosas letras chegan mellor aos mozos porque son moito máis próximas.

-Vostede foi un expoñente importante da movida de finais dos noventa, ¿lanza o mensaxe de Libre de Alcol desde a experiencia?

-Precisamente. Teño atravesado Galicia enteira nun Ford Fiesta, con cinco tíos a bordo, infrinxindo todas as normas. Agora, casado e con fillos, sei da importancia que ten chegar á casa. Eu conseguín sobrevivir, pero moitos quedaron no camiño. Por iso, todo o que se poida facer é bo.

-¿En que está a traballar nestes intres Javi Maneiro?

-Estou traballando nun novo disco. O obxectivo é gravar un novo disco cada dous anos, así que toca no 2012. Polo de agora, estou compoñendo cancións.

-¿Para cando un concerto en Barbanza?

-Pois dentro de moi pouco. En breve vai ser a presentación da campaña Libre de Alcol en Ribeira e a idea é organizar un conxunto de actividades ao longo de todo un día. Pola mañá montarase un circuíto de kart e un escalextric xigante coma o que se empregou na rodaxe do videocilp. Tamén está previsto que haxa unha concentración de motos e unha especie de procesión, con fachos incluídos, que culminará co concerto de Jabon Blue.