Cando me contan que en dez anos baixou drasticamente o número de barcos de Ribeira porque cada vez hai menos peixe e sae moi caro saír na procura de novos caladoiros, ata boto de menos, aínda que sexa pecado, a un equipo de biólogos facendo maragotas de probeta. Confeso que cando vou á peixería desconfío daquilo que ten a etiqueta de criado en piscifactoría, dáme a impresión de que lle estou quitando o pan ós pescos, e para non mercalo busco a desculpa desconfiando de se non serían alimentados con pensos como as vacas tolas; sen embargo, sigo mercando tenreira, encántame a carne porcina e non me preocupo moito da posible contaminación dos ovos e do polo de Alemaña; será que son de terra pesca e dóenme máis os da casa; e así, podendo escoller, escollo os peixes criados en liberdade. Non imos comparar un rodaballo de cetaria cun collido á liña. E por iso celebrei sempre o da solta de crías para repoboar o sobre explotado mar que nos rodea, aínda que, eses animaliños, antes deberon ser criados a biberón e penso nalgunha granxa para neonatos.
E aínda que nunca chove a gusto de todos, supoño que unha solta de repoboamento non lle pode facer mal a ninguén, a pesar de que nestes tempos de crise todo se mide co patrón monetario. O certo é que podendo repoboar o mar, en nós está axudalo, igual que se sementa ameixa e berberecho; pero ó tempo non deixamos de facernos as imprescindibles preguntas de que porcentaxe de éxito se ten con tal solta, que especies son as máis rendibles e onde se van ceibar para ter a seguridade de que eses peixes seguirán sendo da casa, pois a ninguén se lle escapa que estes, en canto se lles abra a porta poden ser moi educados e non saír sen permiso, da terra ou do mar que os criou, ou ser uns aventureiros que foxen para outras latitudes. E por esta dúbida de ata onde paga a pena criar a quen non se vai lembrar do ben que lles fas, decidiuse facer unha última solta a finais do pasado ano.
E daquela, ¿acabamos co que queda e quen veña que apañe crebazos na mallante?, ¿resignámonos e enrolamos a flota pesqueira na gabarra do Inem?, ¿ou paga a pena seguir probando e perfeccionando a técnica da solta?. Quen me dera ter a bóla de cristal para adiviñar o porvir.
Sei que as probas de repoboación fixéronse con rodaballo e lumbrigante, produtos de alto valor comercial e ademais animais moi dados a non coller a maleta, pero á conselleira do Mar non lle debe de gorentar un asunto tan pouco vistoso, que ninguén corta unha fita con son de fanfarra cando pesca unha maragota.
O certo é que sen solta de peixes o mar cada día será máis pobre, e unha vez rematada esta que se deu en chamar fase experimental, os pescos seguirán vendo demasiados barcos atracados a porto para tan pouco peixe, e como comer hai que comer, abriranse novas cetarias con orquestra e croquetas inaugurais, fotógrafos e televisión, mentres se nos anuncia en letra pequena unha nova axuda para desmantelar barcos novos, precisamente por obsoletos.