Nai e filla comparten as ledicias e as dificultades dunha pastelería boirense que ten un cuarto de século de historia e un nome con anécdota incluída
09 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.Despois de dez anos exercendo de cociñeira no colexio Sagrado Corazón, a boirense Mercedes Vila decidiu que chegara o momento de darlle un xiro radical á súa vida. Armouse de valor, deixou o seu traballo e emprendeu unha aventura empresarial, poñendo en marcha a pastelería Sonia. Agora, 25 anos despois, o negocio sigue en marcha, aínda que a súa fundadora cedeulle as rendas á súa filla.
Foi unha razón a que levou a Mercedes Vila a, nunha época complicada, deixar un traballo seguro para embarcarse nesta arriscada experiencia: «Quería sacar ao meu home do mar e por iso montei a pastelería. O certo é que o conseguín, pois el nunca máis volveu navegar».
Así empezou a súa andaina esta confeitería que, ademais, foi en certa medida pioneira, pois Mercedes montouna como pastelería e cafetería ao mesmo tempo, un modelo que, co paso do tempo, iría gañando peso en Barbanza: «Sempre tivemos servizo de café e te porque, desde un primeiro momento, nos gustou ese estilo. Iso si, empezamos sobre todo con produtos de bollería para os nenos, animados polo feito de que o negocio estaba situado ás portas dun colexio».
A boirense recoñece que ela sempre levou o peso desta empresa familiar: «Eu facíao practicamente todo. O meu home tiña pouca idea do sector, pois estivera toda a vida no mar, así que eu ía guiándoo e explicándolle as técnicas de traballo para que fose collendo experiencia».
Asistindo a cursos formativos e, sobre todo, con ilusión e gañas de mellorar, Mercedes Vila foi ampliando a oferta de produtos e mellorando tamén a súa calidade: «Tendo en conta o difícil que era por aquel entón para unha persoa sacar adiante un negocio, eu non me podo queixar. É certo que traballei moito, pero foi para min e non cambio esta experiencia por nada no mundo».
Un nome con historia
Desde pequena, a filla de Mercedes colaboraba cando podía no negocio familiar ata que, hai uns oito anos, debido á xubilación do pai, entrou de cheo na empresa e, pouco a pouco, foise facendo coas rendas. É o seu nome, Sonia, o que lle da nome á pastelería, unha elección que Mercedes tomou para resarcirse do que lle acontecera no xulgado: «A miña filla é Sonia para nós e para todos, pero legalmente, chámase Sofía, pois cando naceu non quixeron rexistrala como Sonia, alegando que ese nome non existía en España».
Aínda que antes de entrar a formar parte do negocio familiar Sonia tivo outros traballos, sempre lle botaba unha man aos seus pais: «Axudaba sobre todo en días sinalados, que neste sector sempre coinciden con fins de semana ou festivos». Agora está encantada de dedicarse plenamente á masa: «Gústame o trato coa xente, porque aquí nunca hai dou días iguais; pero tamén a decoración das tortas e a parte relativa á presentación dos produtos».
Sonia achegou novas ideas ao negocio e á súa nai gustáronlle tanto que, practicamente, deixou a pastelería nas mans da filla: «Agora son eu a que acudo en días sinalados para botarlles unha man no que podo».