Omisión inescusable

BARBANZA

Como a maioría dos habitantes deste país, presumo de entenderme ben cos portugueses falándolles en galego, unha realidade que a clase intelectual usa como arma defensora do valor do noso idioma, e por iso non entendo como se quere silenciar a quen, dando un paso máis, propuxo a adopción dunha grafía acorde coa historia da lingua. Propuxo, que non impuxo. Un servidor non é lusista, pero tampouco discuto se os conxuntos consonánticos lh e nh , deben ser recuperados como propios do galego. Supoño que acabará implantándose como forma lóxica; pero como non son lingüista, mentres tanto, acepto a actual gramática de consenso, e penso que o idioma non necesita que se enfronten entre si lusistas e pailanistas, historicistas e reintegracionistas.

Facía falta unha norma válida para todos e fíxose; a pesar de que a realidade na que vivimos nos amose unha constante revisión gramatical. Calquera idioma vivo sufre eses cambios. Só hai que ver como escribían os autores da década dos cincuenta do pasado século e como o fan agora, para comprender a importancia da gramática e das persoas que traballaron nela para ir fixándoa, desde aquelas primeiras e dubitativas normas do ano 82, e como a procura da perfección lingüista, que unhas veces se entendía como mellora e outras non, foi sempre un debate enriquecedor.

Tampouco sei de intrigas pacegas, de cambadelas académicas nin de favores e desamparos dentro das excelsas institucións do noso país para impedirlle o recoñecemento público, coa homenaxe máis sobranceira que temos, un día das letras, a don Ricardo Carvalho Calero, chegando incluso á radicalización de posturas con silencios tan rechamantes, que ata o máis xordo pode escoitar.

Vivía eu en Compostela, cando finou o profesor Carvalho, e lembro que as súas honras fúnebres foron das máis multitudinarias manifestacións de dor que se viron, pero a vinte anos daquel pasamento, neste en que, de vivir, tería cumpridos os cen anos de idade, o que foi primeiro catedrático de lingua e literatura galega semella que estorba e quéreno esquecer. Só un busto erixido na alameda de Santiago a mediados do mes pasado, coa asistencia de catro lingüistas mal contados, e poucas cousas máis o lembraron. A don Ricardo non se lle perdoa que decidise escribir o seu apelido con v e lh , por moito que manifestase a raíz histórica da súa elección e demostrase con feitos ser unha das contadas persoas que máis traballaron polo idioma ó longo da súa vida. Como non ando nos parladoiros feridores, tampouco sei que maldade cometeu este profesor que tiña cara de bonachón e ninguén lle negaba autoridade académica; como para que agora a vinganza do esquecemento o condene a unha especie de morte intelectual.

Lembro, cando pediamos un día das letras para Murguía, como os académicos, sempre tan legais, xustificaban ese error sempiterno coa desculpa de que non tiña suficiente obra escrita en galego. Ó final caeron da burra, e viron que o vulto de folios escritos non dá a calidade intelectual. Agora a pregunta é por que a un home que escribiu once libros de poesía e oito pezas de teatro, que sacou do prelo sete obras de prosa, que se lle contan os artigos por milleiros, que foi premio da crítica en 1987, e que entre os seus moitos libros de ensaio está a primeira historia da literatura galega, e a honra de ser o primeiro catedrático de galego das nosas universidades, non sexa recoñecido pola academia como se merece. Non o entendo e entendo menos que non haxa unha explicación formal de tal ignominia.

Perdoade a miña ignorancia, porque non sei que pecado cometeu este home a quen eu teño por un dos bos e xenerosos do noso país.