Nai e filla comparten unha afección que cada vez conta con máis adeptos en Barbanza: o baile. As dúas acoden semanalmente á súa cita na academia de ritmos latinos
21 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Cada vez son máis os barbanceses que aproveitan as horas mortas para deixarse levar polos ritmos latinos. Deste xeito cumpren varios obxectivos, os máis importantes, pasalo ben e facer un pouco de deporte. Deste amplo colectivo de veciños da comarca forman parte Lola Mariño Lampón e a súa filla Míriam Barral Mariño. Estas ribeirenses, de Castiñeiras concretamente, recoñecen que o baile forma xa unha parte case imprescindible das súas vidas.
Foi Lola a primeira da familia que se animou a probar nunha actividade sobre a que escoitaba un montón de comentarios positivos, pero á que nunca se lle pasara pola cabeza sumarse: «A través dunha asociación xa facía actividades, entre elas, acudir a clases de ximnasia. Despois xurdiu o do baile e, animada a facer deporte e a pasar un tempo coas amigas, decidín apuntarme».
Isto ocorreu hai cinco anos, un tempo máis que suficiente para que Lola quedara enganchada aos ritmos latinos: «Ao principio non me gustaba para nada. A min íame outro tipo de estilo musical, o propio das discotecas, e non me vía bailando salsa e chachachá, pero o certo é que agora estou moi satisfeita de terme animado».
Tanto é así que, a pesares das reticencias iniciais, esta veciña de Castiñeiras non pensou, nin por un momento, en deixar as súas frecuentes visitas á academia El Tomasón: «Gústanme moito as clases, pásoo realmente ben, son tan animadas que unha fai deporte sen nin sequera darse conta. Recoméndolle esta actividades a todo o mundo».
Actividade social
Pero a Lola Mariño non só lle gusta o baile en si, senón todo o que conleva a súa cita semanal coas clases: «Ademais de aprender, estas clases son unha forma máis de relacionarme coas amigas, de saír da casa. Sempre aproveitamos para reunirnos antes nunha cafetería e falar».
Para Lola é practicamente unha afección como outra calquera, pero para a súa filla Míriam é unha auténtica paixón: «A ela sempre lle gustou bailar, é incapaz de estar coas pernas quietas». De feito, desde pequeniña ía a clases de danza rexional e hai catro anos, cando a través do centro educativo no que cursa os seus estudos, tivo ocasión de apuntarse a bailes de salón, non o dubidou un instante: «Como eu xa ía e o consideraba unha actividade interesante, cando ela me dixo que quería sumarse non vin inconveniente algún, todo o contrario».
A consecuencia desta paixón de Míriam, agora Lola ten ración de baile por partida dobre. Ademais de acudir semanalmente ás súas clases, ten que acompañar á súa filla aos distintos e numerosos certames para os que é convocada: «Xa participou en algún que outro programa da Televisión de Galicia e en concursos da sala Capitol de Santiago, nos que obtivo diversos premios. Ademais, cando se desenvolveu o Salsa na Rúa en Ribeira, resultou gañadora na súa categoría, xunto cun rapaz de Aguiño».
Esta ribeirense fala con orgullo da faceta como bailarina da súa filla, aínda que deixa claro que debe ser considerada unha afección: «O primeiro son os estudos. No verán, coincidindo coas vacacións, dedícalle máis tempo e é máis factible que vaia a festivais, pero agora, coas clases, é un pouco máis complicado».
De todos os xeitos, Lola está encantada co feito de compartir a afección polo baile coa súa filla, pois é un vínculo máis que se establece entre as dúas: «A ela permítelle relacionarse con outros rapaces e desconectar do día a día, sobre todo agora que está en secundaria e que as clases lle quitan máis tempo libre que antes».